Medio centenar de expositores de Conxemar xa montan os seus stands no novo pavillón do Ifevi no que a Xunta investiu 8,3 M€

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves o recinto feiral, onde 300 persoas traballan ante a inminente celebración do evento os vindeiros 4 e 5 de outubro
 

Co seu aforo completo desde hai semanas, a feira contará nesta nova edición con máis de 700 expositores no recinto, un 35 por cento máis que en 2021, en representación de máis de 40 países

Vigo, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves a montaxe dos stands que estrearán o novo Pavillón 5 do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) na Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar). O Goberno galego realizou un investimento final de 8,3 millóns de euros para que as novas instalacións estean dispoñibles no evento que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de outubro e que xa colgou hai semanas o cartel de aforo completo.

 

Fernández-Tapias explicou que a feira, adicada aos produtos conxelados do mar e que se celebrará nos primeiros días de outubro, contará este ano con espazo suficiente para atender a demanda das firmas que solicitan a súa presenza en Vigo. Así, o novo Pavillón 5 dará cabida a medio centenar de expositores, entre eles o propio stand institucional da Xunta de Galicia, un dos máis grandes que haberá no recinto.

 

Segundo avanzou a representante autonómica, Conxemar contará este ano con máis de 700 expositores, un 35% máis aproximadamente que o ano pasado, cando foron 470.  Para a montaxe desta vixésimo terceira edición xa traballan máis de 300 persoas. A feira terá representación de 40 nacionalidades distintas e recupéranse ademais delegacións internacionais de países, que en 2021 ausentáronse por restricións da Covid-19. 

 

Novo Pavillón 5

As obras de ampliación do Pavillón 5, realizadas mediante un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, consistiron na ampliación do Ifevi coa construción do Pavillón 5.

 

Máis de 15 millóns de euros

O recinto feiral xa tiña un total de 110.000 m2 de superficie e gaña así unha nova área construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente.

 

Esta ampliación súmase á xa realizada en 2018, na que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora este novo investimento.

 

Módulo de atletismo

Pola súa banda, o módulo de atletismo, do que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contará cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.

 

Certificación do Pavillón 3

Por outra banda, a delegada territorial anunciou que no proceso de melloras do Instituto Feiral de Vigo abordáronse diversas actuacións para modernizar e optimizar os diversos espazos. Neste proceso procedeuse a habilitar novas portas de emerxencia no Pavillón 3, para poder dar maior capacidade ocupacional e, poder con iso, albergar espectáculos de maiores proporcións que as actuais.

 

“Coa devandita mellora podemos adiantar que o Pavillón 3 xa é o espazo cuberto máis grande de Galicia, xa que se homologará cunha capacidade de 15.000 persoas”, sinalou. Ademais, apuntou que acometerase un acceso lateral para grandes transportes e para que aos organizadores de eventos lles sexa máis operativo o desenvolver as montaxes dos seus eventos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022