A Xunta adapta desde o luns os horarios dos autobuses que empregan os estudantes dos institutos de Mugardos e de Betanzos e implanta novas melloras nos servizos entre A Coruña e Ferrol

O adianto dos servizos entre 10 e 15 minutos garantirá a chegada aos centros educativos cunha marxe de tempo adecuada antes do inicio das xornadas lectivas
 

Tamén se adianta ás 06,00 horas a saída da primeira expedición de Ferrol á Coruña
 

Reordénanse os pasos por Ares e Mugardos na franxa da última hora da tarde para permitir viaxes entre as dúas localidades en ambos os dous sentidos
 

Implántanse axustes nas paradas dalgunhas liñas para evitar duplicidades, mellorar os tempos de viaxe e a funcionalidade dos servizos

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta adapta desde o luns, día 26, os horarios dos autobuses que empregan os estudantes dos institutos de Mugardos e de Betanzos e implanta novas melloras nos servizos entre A Coruña e Ferrol.

 

As expedicións que dan servizo aos institutos adiantan a súa hora de saída para garantir a chegada aos centros cunha marxe de tempo adecuada antes do inicio da xornada lectiva.

 

O servizo da liña entre Ferrol e Chanteiro, en Ares, adiántase 10 minutos ata as 06,50 horas. Este cambio permite optimizar tamén os horarios da liña que, co mesmo autocar, sae ás 7:50 horas da Praza de Galicia (Ferrol) e recolle alumnos en diferentes parroquias de Ares para trasladalos ao IES de Mugardos, permitindo a súa chegada ao centro antes das 8:45 horas. Xunto con esta mellora, axústanse os tempos de paso entre as paradas conforme á súa duración real para ofrecer unha información máis precisa aos usuarios.

 

Tamén se adiantan entre 10 e 15 minutos 5 expedicións que conectan A Coruña e Betanzos á primeira hora da mañá para mellorar a coordinación dos servizos que empregan os estudantes de Guísamo coa hora de entrada dos institutos de Betanzos.

 

Ademais destas melloras, a Xunta aprobou outras modificacións en servizos que atenden distintas conexións no ámbito do corredor entre as cidades da Coruña e Ferrol.

 

Adiántase ás 06,00 horas a primeira expedición do día entre Ferrol e A Coruña por estrada, que ata agora tiña saída ás 06,10 horas.

 

Na conexión entre Ferrol, Ares e Mugardos, reordénanse os pasos polas distintas localidades dos servizos das 20,45 horas e 21,15 horas, de xeito que se posibilita viaxar de en ambos os dous sentidos, Ares a Mugardos e de Mugardos a Ares, na franxa horaria da última hora da tarde.

 

Entre Mugardos e Ares, serán servizos baixo demanda as dúas expedicións que reforzan a conexión entre estes concellos durante o verán, ao rexistrar nos últimos meses unha demanda media de menos dun viaxeiro en cada servizo.

 

O conxunto de melloras nos servizos de autobús incorpora tamén unha reconfiguración da oferta de frecuencias desde Cabanas e Pontedeume ás Fragas do Eume, coa que se axustan aos horarios dos servizos que presta a Deputación da Coruña.

 

Ademais, implántanse axustes nas paradas dalgunhas liñas para optimizar os tempos de viaxe para os viaxeiros e mellorar a funcionalidade dos servizos.

 

Así, atendendo as peticións dos usuarios, na liña Betanzos instituto-Montesalgueiro-Sobrado incorpórase a parada de Cerdelo, en Aranga, que funcionará baixo demanda.

 

Nos servizos entre A Coruña e Betanzos elimínase a duplicidade da parada na praza de Ourense en sentido saída da cidade.

 

En Fene, a parada da avenida Naturais, que non tivo ningunha demanda, desactívase para evitar o desvío de aproximación á parada, reducindo a duración das viaxes para os usuarios.

 

A parada Perlío, con menos dun usuario de media en cada servizo e tendo en conta que existe outra parada a 350 metros, deixará de realizarse en 4 liñas directas por autoestrada entre A Coruña e Ferrol.

 

En Narón, a parada do Centro Comercial Odeón axusta a súa localización para non afectar á fluidez da circulación na entrada do establecemento.

 

Estas melloras dan resposta aos axustes necesarios detectados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e enmárcanse no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.

 

A información relativa ás melloras nos servizos de autobús estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022