Máis de 170.000 galegos beneficiáronse en 2021 da baixada fiscal da Xunta no imposto de sucesións e do programa impostos cero no rural

A directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, presentou hoxe no Parlamento o informe da actividade deste organismo


Atriga atendeu o ano pasado a máis de 280.000 contribuíntes, tanto de maneira presencial como por vía telefónica
 

Neste 2022, a Atriga continúa avanzando para contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González, destacou hoxe que máis de 170.000 galegos  se beneficiaron en 2021 da baixada fiscal da Xunta no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e do Programa Impostos Cero no rural.

 

Na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar o informe anual da actividade da Atriga correspondente ao exercicio 2021, María Victoria González subliñou máis polo miúdo que 125.971 galegos recibiron unha herdanza, en morte ou en vida, o ano pasado e non pagaron nin un euro polo imposto de Sucesións e Doazóns grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo.

 

Explicou tamén que 26.934 cidadáns galegos se beneficiaron do programa ‘Impostos cero no rural’, posto en marcha pola Xunta en 2016 co obxectivo de dinamizar o medio rural, promover a mobilidade de terras e fixar poboación nas zonas non urbanas. Ademais, outros 17.183 beneficiáronse das baixadas de tipos para as adquisicións de vivenda habitual con límite de patrimonio; a adquisición de vivendas por determinados colectivos (familias numerosas, persoas con discapacidade e mozos), e para a adquisición de vivendas situadas en parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas.

 

Aforro de 192 millóns de euros

Segundo consta no informe da actividade da entidade, grazas ás baixadas aprobadas pola Xunta no Imposto de Sucesións e Doazóns e no ITP-AXD, os fogares galegos aforraron no ano 2021 192 millóns de euros. Estes cartos son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

 

María Victoria González tamén explicou que no ano 2021 o 94% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 6% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

 

Atención aos contribuíntes

A directora da Atriga sinalou que a Axencia atendeu o ano pasado a un total de 281.490 contribuíntes. Do total, 154.907 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Axencia ten distribuídos por toda Galicia, e aos 126.583 restantes prestóuselle asistencia pola vía telefónica.

 

Neste marco, desde o mes de maio de 2021 os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Con este sistema, o cidadán pode escoller o día e o tramo horario no que quere ser chamado, o que garante que a súa solicitude será atendida en tempo en forma. Este novo servizo, permitiu atender durante o ano  a máis de 4.900 persoas.

 

A partir dese mesmo mes, tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria. Desde a súa creación e ata o 31 de decembro do ano pasado atendéronse un total de 68.939 chamadas.

 

Ademais, o ano pasado a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Dende a súa implantación no mes de agosto durante o 2021 efectuáronse 77.685 operacións.

 

Novidades 2022

Finalmente, a directora destacou que neste ano 2022 o seu organismo continúa avanzando coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns e destacou algunhas das actuacións postas en marcha.

 

Neste marco explicou que a Axencia Tributaria de Galicia universalizou xa no 2021 a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias. Os datos para o que vai de ano 2022 son case 241.500 operacións. A isto hai que engadirlle que desde febreiro deste ano tamén se pode pagar fisicamente nas 5 delegacións territoriais da Atriga, no momento de presentar o imposto de xeito físico. Así mesmo, desde o pasado xuño implantouse o pago de débedas mediante xiro postal.

 

María Victoria González anunciou ademais a posta en marcha nos vindeiros meses dunha canle de atención preferente para maiores de 65 anos; da nova web do portal de Atriga, pensada para facela máis visual e fácil de utilizar para os usuarios; así como da app da ATRIGA que permitirá, de forma áxil e sinxela, opcións como pedir cita previa, o pago de taxas, a obtención de certificados de estar ao corrente coa Xunta ou a consulta de entidades colaboradoras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022