Martina Aneiros lembra que volve estar activo o uso do bono turístico #QuedamosenGalicia22 ata finais de ano ao que están adheridos 31 establecementos en Ferrolterra

Esta iniciativa permitiu inxectar preto de 160.000 euros nos locais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que se uniron á campaña na pasada edición
 

A representante do Goberno galego puxo en valor o auxe que está a coller o sector no último ano, “moi especialmente nesta zona que ten apostado por un turismo máis sostible e vinculado á natureza”
 

Compartir
  • whatsapp

Cariño (A Coruña), 22 de setembro de 2022  A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, visitou esta mañá a casa rural Muíño das Cañotas, un dos 31 establecementos adheridos ao Bono Turístico #QuedamosenGalicia22 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e cuxo uso volve a estar activo desde o pasado 15 de setembro e ata finais de ano.

 

Aneiros lembrou que esta medida inxectou preto de 160.000 euros nos locais da área que se uniron á campaña na pasada edición de 2021.

 

Durante a visita á casa rural, a representante do Goberno galego destacou o grande éxito de participación que está a ter a convocatoria, síntoma do “auxe que está a adquirir o turismo en Galicia este ano e, especialmente nesta zona que ten apostado por un turismo máis sostible, moi vinculado á natureza e iso estámolo a ver nas nosas comarcas onde o Camiño Inglés tamén está a ser un polo de atracción importante”, sinalou.

 

O Bono Turístico da Xunta permitiu inxectar 7,7 millóns de euros ao sector na pasada edición converténdose nun balón de osíxeno para inxectar liquidez sobre todo na tempada baixa a través do turismo interno dos propios galegos e galegas que se animaron a descubrir a súa comunidade, contribuíndo así a desestacionalizar as visitas.

 

Os establecementos adheridos este ano son: Muíño das Cañotas e hotel Pedramea, en Cariño; casa O Carreiro, pensión Leira Antiga e hotel Herbeira, en Cedeira; as axencias de viaxes ZT1422 e A Casa da Maleta, en Fene; as axencias B The Travel Brand, Nautalia Viajes, Viajes Paco, Viaxes Galitur e Viajes Ecuador e os hoteis Gran Hotel, Alda El Suízo, Parador de Ferrol e Valencia, en Ferrol; os establecementos rurais Casa Lourán, Casas do Campo e Graña da Acea, en Monfero; as axencias Viaxes Narón e Boken Viajes, en Narón; os apartamentos O Plantío, o hotel El Castaño Dormilón e a casa Penaquente, en Ortigueira; o hotel Eumesa, os apartamentos Camino do Eume e as axencias Eume Viajes e Viajes Ecuador, en Pontedeume, e os hoteis A Torre do Lago e Valdoviño e os apartamentos Las Olas by Pantín, en Valdoviño.

 

Ademais do Bono Turístico #QuedamosenGalicia22, a casa rural Muíño das Cañotas está incluída na campaña do 16º Outono Gastronómico que promove estadías de fin de semana e dous menús a base de produtos autóctonos de tempada en establecementos de toda Galicia ata o próximo 18 de decembro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022