A conselleira do Mar participou na clausura da xornada sobre o control do medio mariño organizada pola Federación Galega de Confrarías

A Xunta salienta o labor que xoga o propio sector pesqueiro na loita contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños

Rosa Quintana enxalzou o papel das confrarías como colaboradoras necesarias para o mantemento da biodiversidade e avogou por reforzar as sinerxías entre Administración e organizacións en materia de control e vixilancia

A Consellería do Mar destinou máis de 12 millóns de euros á renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas e á incorporación de preto de medio cento de efectivos para reforzar os traballados contra as actividades ilegais

Compartir
  • whatsapp

Bergondo (A Coruña), 22 de setembro de 2022  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o importante papel que xoga o propio sector pesqueiro no desenvolvemento dunha actividade sustentable, na protección dos recursos e, especialmente, na loita contra o furtivismo co obxectivo de garantir o seu futuro. Así o sinalou a representante do Executivo autonómico na clausura da xornada Actores na protección e control do medio mariño: O papel das confrarías de pescadores, organizada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores no pazo de Mariñán.

A este respecto, enxalzou o papel que levan a cabo as confrarías como colaboradoras necesarias para o mantemento da biodiversidade e avogou por seguir apostando pola colaboración entre Administración e organizacións en materia de control e vixilancia e na xestión dos plans de produción e comercialización.

Rosa Quintana explicou que o Goberno galego aposta cada ano por fortalecer o Servizo de Gardacostas de Galicia para traballar da man do sector a prol dunha xestión máis responsable dos recursos mariños. Así, a Consellería do Mar destinou máis de 12 millóns de euros á renovación parcial da frota deste organismo así como dos seus vehículos co obxectivo de mellorar a operatividade.

Estes investimentos tradúcense nun mellor servizo tanto aos profesionais do mar como á cidadanía en xeral e así o reflexan, por exemplo, os resultados dos controis realizados polos gardacostas no primeiro semestre deste ano, que se traducen nun lixeiro incremento das inspeccións e nunha redución das infraccións en relación ao mesmo período de 2021.

Todo co obxectivo, compartido polo sector, de erradicar unha actividade ilegal que dana a actividade dos profesionais do mar e garantir que chegue á cidadanía unicamente os produtos procedentes das canles legais, que son os que ofrecen todas as garantías de seguridade para o seu consumo.

A xornada

O encontro celebrado hoxe en Bergondo estivo organizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores ao abeiro do convenio de colaboración que anualmente asina coa Consellería do Mar. Desde 2010, a Xunta apoiou con máis de 1,6 millóns de euros este acordo.

Nel tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación, Antonio Basanta, que inaugurou a primeira das mesas dedicada á importancia do control para o mantemento dos recursos e as comunidades pesqueiras e o papel que xogan as confrarías de pescadores nesta acción, así como ás modificacións previstas no regulamento de control da Unión Europea.

 

Pola súa banda, o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, participou nunha segunda mesa dedicada aos colaboradores necesarios para a protección medioambiental e na cal explicou de maneira pormenorizada o labor que leva a cabo a diario o organismo autonómico.

 

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/09/2022