A Xunta apoia a mellora do local social da asociación veciñal Campa do Coxo de Guntín

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o edificio ao que se destinaron 27.630 euros para obras e equipamento no período 2021-2022
 

A iniciativa enmárcase no Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais
 

A liña de axudas suma neste ano un investimento superior aos 433.500 euros na provincia luguesa

Guntín (Lugo), 21 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o local social da Asociación de veciños e veciñas Campa do Coxo, en Guntín, para coñecer as melloras realizadas co apoio da Xunta. As accións enmárcanse no Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais dos exercicios 2021 e 2022, respectivamente, e suman 27.630 euros.

 

Así, a axuda de 12.000 euros recibida o pasado ano destinouse a unha reforma centrada na mellora estética das instalacións que consistiu no pintado exterior e interior do edificio, así como na colocación dun falso teito de escaiola e de plaqueta no chan. A maiores, neste exercicio investíronse 15.630 euros na construción de aseos e dun almacén, ademais de na adquisición de mesas para as actividades da asociación.

 

Segundo sinalou a directora xeral, Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións veciñais ten como obxectivo contribuír a satisfacer as necesidades e demandas destas entidades a prol do benestar da veciñanza e da calidade de vida no eido local. “Supoñen unha aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal”, apuntou.

 

Nesta liña, Natalia Prieto referiuse ao importante labor que desenvolven as asociacións de veciños e de veciñas como a de Campa do Coxo, xa que fomentan actividades de lecer e de convivencia para distintas xeracións, e especialmente para persoas maiores que precisan dunhas instalacións confortables e accesibles.

 

Preto de medio millón de euros para entidades luguesas

A través do Plan Específico de Acción Comunitaria, a Xunta investiu neste ano 433.588 euros na provincia de Lugo que beneficiaron a 31 entidades. Delas, a práctica totalidade foron asociacións veciñais, 30, que recibiron 421.588 euros. Os 12.000 euros restantes foron para unha asociación de mulleres rurais. A iniciativa conta este ano cun orzamento total de tres millóns de euros, a máis elevada xunto coa de 2016, cando comezou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no Plan 16 millóns de euros.

 

A medida forma parte das diferentes liñas de apoio ao eido local, nas que figuran tamén a Orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, dirixidas aos concellos. Concretamente no caso de Guntín, a directora xeral de Administración Local indicou que as achegas nos últimos anos suman 483.132 euros, que permitiron accións de mellora na antiga escola, na Casa do Concello ou no alumeado municipal, así como a adquisición de diversa maquinaria para a conservación do medio natural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022