A Xunta avanza nos traballos previos da mellora do sistema de saneamento dos concellos de Cee e de Corcubión, que suporá un investimento de máis de 8 M€

Técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria mantiveron hoxe unha reunión co Concello de Cee para abordar a organización das obras, que comezarán nas primeiras semanas do outono

Con esta actuación, a Xunta procurará solucionar as deficiencias da rede de saneamento municipal de Cee, redundando na mellora da calidade das augas da ría

Renovarase o colector das Laxes e construiranse un tanque de tormentas, un novo colector nas Monxas e un novo bombeo ata a depuradora

O obxectivo é poñerlle fin aos problemas de infiltracións de auga de mar e de chuvia nas redes de saneamento, que provocan vertidos aos ríos e a prohibición de baño na praia de Cee, prexudicando tamén a actividade dos profesionais do mar

A actuación achegará valor engadido ao municipio coa integración paisaxística do tanque de tormentas, un merendeiro, un paseo, un parque infantil e un rocódromo

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, avanza nos traballos previos para iniciar as obras de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión, que suporán un investimento de máis de 8 millóns de euros.

 

Esta mañá técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria do contrato mantiveron unha reunión de traballo co Concello de Cee para abordar a organización das obras,  cuxo inicio está previsto para as primeiras semanas deste outono.

 

Trátase de executar os traballos impulsados pola Xunta para solucionar as deficiencias que presentan na actualidade as redes de saneamento municipal de Cee, redundando na mellora da calidade das augas desta ría.

O contrato foi adxudicado este verán á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A. e os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

Estas obras conforman a 1ª fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión e están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 2014-20.

 

Desenvolvemento das obras

Trátase dunha actuación deseñada por Augas de Galicia a partir dun estudo previo que constatou deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

Estes problemas severos da rede de saneamento municipal de Cee, ademais de provocar eses vertidos aos ríos, tamén causan que a praia urbana teña habitualmente indicación de prohibición do baño e prexudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar.

 

Para solucionar estes problemas as obras que se van realizar comprenden a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas; a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora.

 

Tamén se habilitarán un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e construirase un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.

 

Esta actuación, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.

Apoio aos municipios

Augas de Galicia tamén está a redactar o proxecto de construción da nova depuradora, manténdose a aposta autonómica por apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga.

Esta intervención da Xunta, correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría.

 

A Xunta continúa prestando apoio técnico e económico aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento, reforzando as garantías relativas á saúde pública, ao medio natural, á pesca, ao marisqueo ou ao turismo.

 
Data de actualización: 22/09/2022