A Xunta propón á Sareb a cesión de solo para a construción de novas vivendas de promoción pública

Reitera tamén a necesidade de que poña á disposición do Goberno galego máis inmobles na Comunidade para destinalos a alugueiro social


Demanda aos responsables da sociedade que prorroguen os contratos de alugueiro que teñen actualmente en Galicia, sobre todo, no caso de inquilinos vulnerables
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia propón á Sociedad de gestión de activos procedentes de la reestructuración bancaria (Sareb) a posibilidade de ceder parte do solo do que dispón na Comunidade para a construción de novas vivendas de promoción pública.

 

Así llo trasladou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, aos representantes desta entidade, cos que mantivo unha reunión hoxe de forma telemática.

 

Logo de especificar que previamente sería necesario que o IGVS coñecese a localización e condicións das parcelas propiedade da Sareb en Galicia, o director aproveitou tamén a reunión para reiterar a necesidade de que incremente o número de vivendas cedidas ao Goberno galego para destinalas a alugueiro social.

 

Neste sentido, cómpre lembrar que ambas entidades manteñen desde o ano 2015 un convenio para a cesión á Xunta de inmobles -Galicia foi a terceira comunidade que o asinou- e no marco do mesmo celebran reunións periódicas para avaliar a súa execución e estudar novas vías de colaboración.

 

A maiores, Heriberto García tamén incidiu na importancia de que a sociedade manteña e prorrogue os contratos das vivendas que actualmente ten alugadas en Galicia, de maneira especial naqueles casos en que os inquilinos sexan persoas e familias en risco de caer en situacións de vulnerabilidade.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022