Luis López convida a todos os galegos a “aproveitar os 100 derradeiros días do Xacobeo” dende o Río Verbena Fest de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra supervisou a montaxe deste festival, que se celebrará este sábado 24 no parque de Tafisa con sete actuacións e máis de nove horas do música no marco dos Concertos do Xacobeo

“Vivimos uns meses de agosto e setembro moi intensos na cidade cos espectáculos nos que colabora a Xunta e imos vivir a fin de semana máis completa co Río Verbena Fest e a gran gala do Galicia Ilusiona, o que contribúe a dinamizar aínda máis a vida social, cultural e económica da capital provincial”, sinalou o representante galego

Luis López anima a mercar as derradeiras entradas das 3.000 que se puxeron á venda para o Río Verbena Fest e lembra que os Concertos do Xacobeo aínda traerán á cidade á cantante Madeleine Peyroux o vindeiro 15 de outubro no Pazo da Cultura

Pontevedra, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, convidou a todos os galegos e galegas a “aproveitar ao máximo os 100 derradeiros días deste Xacobeo 2021-2022” a partires do Río Verbena Fest, que se celebra este sábado 24 de setembro na cidade de Pontevedra.

O representante autonómico activou deste xeito a conta atrás para o remate deste dobre Ano Santo durante a visita, este mediodía, ao montaxe e organización deste novo festival. Este gran evento musical, impulsado pola Axencia Turismo de Galicia, a Xunta e o Concello de Pontevedra, vaise celebrar no parque de Tafisa, a carón do río Lérez, con sete actuacións e máis de nove horas de música no marco dos Concertos do Xacobeo.

“Vivimos uns meses de agosto e setembro moi intensos na cidade de Pontevedra cos espectáculos nos que colabora a Xunta e imos vivir a fin de semana máis completa con este Río Verbena Fest e coa gran gala de maxia do Galicia Ilusiona, que xa ten as súas 700 entradas vendidas, o que contribúe, grazas á máxima colaboración da Xunta, a dinamizar aínda máis a vida social, cultural e económica da capital provincial”, sinalou o delegado territorial.

“O verán en Pontevedra foi un éxito, con milleiros de persoas na cidade e participando dos eventos do Xacobeo, e tamén o foi grazas ao Camiño de Santiago, que vén de bater o seu récord, con máis de 349.000 compostelas, moitas das cales foron obtidas polos peregrinos que pasaron pola cidade a través do Camiño Portugués. Así que debemos seguir aproveitando estes cen últimos días e non se me ocorre mellor xeito que gozando da música do Río Verbena Fest e da beleza do río Lérez”, manifestou Luis López, que animou aos pontevedreses e visitantes a mercar as derradeiras entradas das 3.000 que se puxeron á venda.

O festival pontevedrés contará coas actuacións de Thom Archi, Maikel DelaCalle, Sila Lúa, Villano Antillano, Ayax, Hijos de la Ruina e Groove Amigos e será o penúltimo Concerto do Xacobeo en Pontevedra, que poñeralle fin a estes eventos o vindeiro 15 de outubro coa actuación da cantante Madeleine Peyroux no Pazo da Cultura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022