A Xunta exporta o pacto social da súa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que adapta a formación laboral ás demandas do mercado

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou no 22º Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia

O Goberno galego quere xuntar esforzos públicos e privados para ofrecer á cidadanía máis e mellores oportunidades de aprendizaxe para traballadoras e traballadores

A Xunta quere asegurarse de que as persoas teñen as capacidades que necesitan para prosperar e para favorecer a competitividade das empresas

O novo servizo galego de emprego utilizará modernos sistemas de analítica de datos para optimizar a funcionalidade e a intermediación laboral nas oficinas de traballo

Valença (Portugal), 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia aproveitou o 22º Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia para exportar a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, o gran proxecto co que a comunidade está a reinventar a formación laboral para afirmar o emparellamento entre a oferta e a demanda de postos no mercado laboral.

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe nunha das mesas de traballo na que puxo en valor o pacto social que propugna a Axenda co obxectivo de xuntar esforzos públicos e privados para ofrecer á cidadanía “máis e mellores oportunidades de aprendizaxe”.

O pacto, ao que poden adherirse as empresas -a Confederación de Empresarios de Galicia xa ratificou a súa incorporación- establece un marco de colaboración para converter as necesidades de postos de traballo das firmas en ofertas de emprego a través das canles que brinda a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. De xeito paralelo, remarcou Zeltia Lado, obtense “unha información cualitativamente moi valiosa sobre o comportamento do mercado de traballo de cara a deseñar políticas activas eficientes e utilizar a potencialidade do servizo Emprego Galicia para difundir as vacantes e facilitar a súa cobertura”.

“O Goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar”, indicou Lado. Neste marco, dixo, a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego quere mobilizar ás administracións públicas, interlocutores sociais e tecido empresarial, co obxectivo de mellorar as capacidades da poboación activa galega e atender as necesidades das empresas”.

Segundo subliñou a directora xeral, “evitar o desaxuste de competencias é esencial para reducir o desemprego e aumentar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial e industrial”. “Estamos nunha conxuntura que nos esixe reinventar o fondo e a forma da formación para o emprego, de xeito que aseguremos o emparellamento entre demanda e oferta de emprego”, engadiu.

Galicia xa ten camiño avanzado na configuración da Axenda. Froito dun traballo colaborativo xuntou nove mesas de traballo sectoriais, que se encargaron da detección de necesidades concretas de capacitación. Tras a fase de análise de resultados, deseñarase un catálogo de capacitación para o emprego para que empresas e persoas traballadoras reforcen a súa competencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022