A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro galego e xuristas especializados para abordar o veto á pesca de fondo aprobado por Bruxelas

A Xunta apoia a demanda unánime da frota de que España presente recurso contra o veto á pesca de fondo e solicite a súa suspensión temporal

O sector e o Executivo galego lembran que o Estado é un actor privilexiado e ten moito máis fácil xustificar e fundamentar o recurso, algo que facilitaría a súa tramitación fronte á alternativa da presentación por parte das casas armadoras de xeito individual
 

A Administración galega apoiará calquera actuación neste sentido, tanto do Estado como do sector, aportando os datos e argumentos técnicos e xurídicos que sexan necesarios
 

Rosa Quintana fixo un chamamento ao conxunto da sociedade e advertiu de que este é un problema de toda a comunidade pois en localidades como Ribeira, Celeiro ou Burela supón a perda do seu principal pulmón económico
 

A conselleira do Mar está en contacto coas comunidades autónomas con intereses pesqueiros para pedir a súa implicación e facer forza en Europa contra unha medida totalmente arbitraria e adoptada sen argumentos científicos que a xustifiquen

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un novo encontro con representantes do sector pesqueiro galego e xuristas especializados para analizar os pasos a dar ante o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en preto dun cento de áreas en augas comunitarias. A titular de Mar trasladou      a petición unánime da frota galega a prol da presentación dun recurso estatal contra esta medida, así como a súa suspensión temporal, unha demanda que a Xunta apoia.

 

A representante do Executivo galego salientou que o Estado é un actor privilexiado, polo que ten moito máis fácil xustificar e fundamentar o recurso para a súa presentación. Iso axilizaría a tramitación en relación coa outra alternativa, a da presentación de recursos individuais das casas armadoras, que terían que xustificar que son parte prexudicada e fundamentar a súa demanda para que sexa admitida a trámite. Nese caso, a Xunta podería actuar como parte coadxuvante pois o dano principal é ás empresas.

 

Rosa Quintana lembrou que na reunión mantida onte en Madrid os representantes do sector e das comunidades autónomas implicadas trasladaron ao Goberno central o seu apoio total ao posible recurso estatal e reiterou que a Xunta apoiará calquera actuación neste sentido aportando os datos e argumentos técnicos e xurídicos necesarios.

 

A conselleira incidiu en que, de non paralizarse a entrada en vigor deste regulamento, o 9 de outubro o sector pesqueiro español e moitas das súas zonas costeiras atoparanse cun serio problema económico. En canto á frota, habería un desprazamento das áreas vetadas a outras nas que están faenando outros buques, polo que os solapamentos poderían xerar conflitos entre barcos polo espazo e un menoscabo das condicións laborais dos tripulantes pois a operativa de pesca neses casos exixe moito máis tempo de traballo.

 

A maiores, fixo un chamamento ao conxunto da sociedade e advertiu de que este é un problema de toda a comunidade pois non afecta só aos 200 barcos prexudicados directamente senón a importantes localidades costeiras como Ribeira, Celeiro ou Burela. “Esas zonas de Galicia sufrirían moito, perdendo o seu principal pulmón económico e a soberanía alimentaria que tan importante foi durante a pandemia pola covid-19”, subliñou Rosa Quintana.

 

A Xunta trasladou tamén aos representantes do sector que apoiará xurídica e tecnicamente ás casas armadoras que decidan presentar recurso contra o veto á pesca de fondo e que contribuirá a enriquecer e fundamentar as súas demandas ante unha decisión totalmente arbitraria e carente de argumentos científicos que a sustenten.

 

A prohibición afecta de xeito directo a arredor de 200 buques de capital galego e podería chegar a afectar a preto de 900 embarcacións de artes menores ben polo desprazamento da frota que faenaba nas zonas vetadas e o solapamento de áreas de pesca ben por unha futura ampliación da medida a outras artes que teñen contacto co fondo mariño.

 

Colaboración con outras comunidades

Ante esta situación, o Executivo galego tamén está a contactar coas súas homólogas e homólogos nas comunidades autónomas con intereses pesqueiros para pedir a súa implicación ante unha medida que pode supoñer un golpe mortal para a frota española. Este problema non só prexudica a Galicia senón tamén a outras comunidades como Andalucía, Asturias, Cantabria ou o País Vasco, polo que é importante traballar xuntos e facer forza en Europa contra esta medida.

 

Bruxelas decidiu seguir adiante con esta prohibición malia que a votación da Unión Europea non supuxo unha maioría cualificada, polo que debería volver iniciarse a súa tramitación. Pola contra, con total falta de transparencia e mala fe -pois prometera revisar esa decisión con novos datos e informes científicos e non o fixo- seguiu adiante publicando o pasado luns un regulamento executivo no Diario Oficial da Unión Europea que entrará en vigor a comezos de outubro.

 

Rosa Quintana, que estivo acompañada na reunión polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asegurou que a Xunta está a disposición do sector e do Goberno central para apoiar en todo o que sexa posible na busca de argumentos que permitan frear esta decisión, que foi tomada desde un punto de vista excesivamente medioambientalista e sen ter en conta o seu impacto social e económico.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/09/2022