O Gaiás abre as 'Matinais Musicais' de outono con canto tradicional xaponés para celebrar o irmandamento do Camiño de Santiago coa ruta Shikoku Henro

A artista internacional de teatro Noh, Ryoko Aoki e o dúo de pianistas Haruna Takebe e David Durán, de Vertixe Sonora, serán os intérpretes deste recital
 

O ciclo da Xunta de Galicia conta cun programa didáctico dentro do ‘Plan Corresponsables’ dirixido a nenas e nenos para favorecer a conciliación das familias que asisten aos concertos
 

As entradas están á venda a un prezo de 5 €, a través de Ataquilla, tanto para este primeiro concerto como para as propostas de outubro e novembro, protagonizadas por Lucía Martínez Cuarteto e Arxis Ensemble
 

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  A Xunta de Galicia arranca este domingo na Cidade da Cultura as Matinais Musicais de outono co recital Aruku – Camiñar, da cantante nipoa Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh —unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés—. A artista estará acompañada polo dúo de pianistas Haruna Takebe e David Durán, de Vertixe Sonora, nun concerto que celebra o irmandamento das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro.

 

Este programa musical reuniu tamén a unha compositora orixinaria da localidade nipoa de Shikoku, Noriko Kawakami, e ao galego Xacobe Gaspar nunha residencia artística no Gaiás que culmina precisamente neste concerto de estrea o domingo 25 de setembro ás 12,00 horas. As entradas poden adquirirse, a un prezo de 5 € (máis gastos de xestión), tanto a través de Ataquilla como na billeteira do Museo Centro Gaiás.

 

Impulsado pola asociación Kyodo co apoio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Fundación Japón e Yamaha, Aruku – Camiñar afonda no intercambio cultural, filosófico e creativo que os gobernos galego e xaponés veñen promovendo desde eidos como a cultura, o turismo e a educación.

 

Matinais Musicais infantís

O concerto conta tamén cunha actividade complementaria, de carácter gratuíto, pensada para favorecer a conciliación das nais e pais que asistan ás Matinais Musicais do Gaiás. A través de xogos e obradoiros creativos, a cativada de 5 a 10 anos poderá coñecer diferentes aspectos relacionados co programa do ciclo. Desta maneira, procúrase que coñezan outras músicas e desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. A reserva de prazas pode facerse tamén a través de Ataquilla.

 

Esta actividade familiar forma parte do Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co financiamento do Ministerio de Igualdade.

 

Música contemporánea e jazz

O ciclo Matinais Musicais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para este outono na Cidade da Cultura procura achegar ao público creacións musicais de vangarda e de jazz. Así, en outubro será Lucía Martínez a encargada de poñer banda sonora á mañá do domingo. A compositora e multi-instrumentista viguesa, unha das principais percusionistas de jazz de España, presentará no Gaiás o seu último traballo na compaña de tres músicos e amigos cos que forma o Lucía Martínez Cuarteto, un proxecto nacido na escola de Jazz no Porto hai máis de 12 anos. Será no auditorio do Edificio Fontán o domingo 23 de outubro ás 12,00 horas.

 

Calma e algo máis é o título dun repertorio orixinal concibido como un convite a pechar os ollos e a deixar que corpo e mente alcancen ese estado de acougo que enche a vida de luz. Un concerto de jazz contemporáneo que bebe de músicas moi diversas, as mesmas que Lucía Martínez explora na súa traxectoria: folk, clásica, flamenco e world-music, entre outras moitas.

 

Tamén no Edificio Fontán será o concerto co que ARXIS Ensemble pechará o 27 de novembro este ciclo das Matinais Musicais. A formación de música contemporánea propón un percorrido xeográfico e sonoro en cinco etapas para achegar ao público as composicións dos últimos 50 anos da música de vangarda. Obras de Hosokawa (Xapón), Scelsi (Italia), Saunders (Reino Unido-Alemaña), Posadas (España) e do galego Miguel Matamoro conforman Sobre a noite, un programa no que o son dos instrumentos semella facerse visible e tanxible, confundindo o ollo co oído

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022