A Xunta investirá 500.000 euros na rehabilitación da Fonte de troncoso, cuxos primeiros traballos se licitarán en Novembro

De modo inicial actuarase para consolidar a estrutura do manancial e incorporar medidas de seguridade


A continuación porase en marcha o proxecto de recuperación deste ben catalogado e protexido polo seu valor cultural
 

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia investirá 500.000€ na recuperación e rehabilitación da Fonte de Troncoso cun proxecto que se iniciará o vindeiro mes de novembro coa licitación dos primeiros traballos. Así o anunciou hoxe o  conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

 

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, os primeiros traballos póñense en marcha despois dun intenso traballo feito para determinar a situación e necesidades do conxunto obra do arquitecto Antonio Palacios. Así, cun orzamento nesta intervención inicial de máis 130.000€, as primeiras tarefas centraranse en incorporar medidas de seguridade. “O noso obxectivo é que as obras comecen no primeiro trimestre do ano 2023 para garantir a estabilidade do conxunto deseñado polo arquitecto Antonio Palacios a comezos do século XX antes de poñer en marcha o proxecto de rehabilitación”, afirmou.

 

Estes traballos encádranse nun proxecto máis amplo máis amplo que atende ás necesidades deste ben catalogado e protexido polo seu valor cultural. Así, unha vez concluída a consolidación, está previsto que o Goberno galego destine 400.000€ á rehabilitación e recuperación da obra de Antonio Palacios. Para facelo, é preciso asinar un convenio de colaboración co Concello de Mondariz-Balneario, actual propietario do conxunto tras conseguir a súa cesión, para a súa posta a disposición. Na visita tamén participou o arquitecto César Portela, redactor do proxecto.

 

O conselleiro destacou a riqueza patrimonial da Fonte de Troncoso e asegurou que apostar pola súa recuperación é “apostar pola cultura e identidade de Galicia”, xa que supón poñer en valor “o legado dun dos grandes nomes da arquitectura que superou as fronteiras do seu Porriño natal e conquistou a capital de España, onde deixou unha profunda e recoñecida pegada”.

 

Antonio Palacios, recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, é autor de numerosos proxectos entre os que se inclúen reformas urbanas, plans de ensanche e modernización ou o deseño, no ano 1907, do conxunto artístico neste manancial de Troncoso, unha fonte de augas mineiro-medicinais de características nitrosas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022