A Xunta amplía ata un total de 1 M€ as axudas á compra de bicicletas eléctricas ante a boa acollida da iniciativa

O Goberno galego recibiu na convocatoria aberta en agosto, dotada de 500.000 €, un total de 1.096 solicitudes, das que 1.003 contan con reserva de fondos
 

A subvención é do 50% do prezo da bicicleta, ata 500€, e no caso das familias numerosas normais ou con categoría especial de ata 600 € ou 700 €, respectivamente
 

O prazo está aberto ata o 15 de novembro, polo que os interesados poden solicitar as axudas nas 139 tendas adheridas ao programa Ebici que se encargan da tramitación
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se amplía en 500.000 euros o crédito para as axudas á adquisición de bicicletas eléctricas, destinando un orzamento total de 1 millón de euros.

 
Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta orde: http://xurl.es/kt7o2
 

O Consello da Xunta autorizou onte esta ampliación de crédito, unha vez esgotado o da primeira convocatoria de agosto, dotada de 500.000 euros.

 

A Xunta recibiu xa 1.096 solicitudes de axuda, das que 1.003 contan coa correspondente reserva de fondos, quedando 93 peticións sen orzamento para ser subvencionadas. Neste sentido, refórzase o investimento para dar resposta á demanda destes incentivos por parte dos cidadáns.

 

A día de hoxe, un total de 356 usuarios xa recibiron o seu pagamento para mercar a bicicleta e continúa avanzando a tramitación das 647 axudas restantes.

 

A achega autonómica, con carácter xeral, é de ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros. Non obstante, as familias numerosas teñen máis vantaxes, pois os incentivos cobren o 60%, cunha achega tope de 600 €; e para as de categoría especial, os descontos elévanse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70% do custo.

 

Esta iniciativa da Xunta está enmarcada no programa Ebici, cuxos obxectivos son diminuír o uso do coche particular, favorecer modos de transporte non motorizados, reducir emisións á atmosfera e a contaminación acústica e promover unha vida máis saudable.

 
Prazo aberto ata o 15 de novembro

O prazo para solicitar estas subvencións continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria, polo que as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de novembro.

 

A tramitación realizarase a través dun establecemento adherido previamente ao programa, que na actualidade xa son 139.

 

No seguinte enlace pode consultarse a listaxe destas entidades comerciais adheridas ao programa Ebici: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible. Estes establecementos exhibirán nos seus puntos de venda un cartel identificativo, que leva por lema: Enchúfate ao movemento EBici.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022