As conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes do Observatorio do Litoral

A Xunta inicia unha rolda de contactos para avanzar na elaboración da futura Lei de ordenación do litoral

Ángeles Vázquez recibe o apoio do Observatorio do Litoral e a súa vontade de colaborar na elaboración do texto lexislativo

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia iniciou unha rolda de contactos para avanzar na elaboración da futura Lei de ordenación do litoral de Galicia que, desde o pasado venres, está en consulta pública previa ata o vindeiro 17 de outubro. Deste xeito, ademais de buscar o máximo consenso posible, o Goberno galego recompilará o coñecemento e a experiencia de quen mellor coñece a costa galega para regular a franxa litoral desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica.

 

Nesa liña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vén de manter a primeira destas reunións con responsables do Observatorio do Litoral, recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña especializado no estudo e análise de cuestións xurídicas relativas ao litoral, os que trasladaron a súa vontade de colaborar co Goberno galego na elaboración deste novo texto lexislativo.

 

Unha norma que, entre os seus obxectivos, está o de outorgar seguridade xurídica aos titulares de instalacións xa existentes no dominio público marítimo-terrestre, definindo a tal fin que actividades e usos pode albergar cada zona da costa a través dunha planificación por tramos segundo as características de cada unha.

 

A conselleira lembrou que este verán un ditame do Consello Consultivo de Galicia avalou a capacidade da Xunta para poder lexislar sobre cuestións relacionadas co exercicio das funcións que ten atribuídas no marco das súas competencias en materia de ordenación do litoral e que están pendentes só de traspaso de medios e servizos para o seu exercicio efectivo.

Durante o encontro, afondaron, asemade, nas últimas medidas e reformas normativas aprobadas polo Executivo central desde 2018, co fin de impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da Lei de costas. Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no dominio público a través da Lei de cambio climático ou a modificación este verán do Regulamento de costas, que elimina na práctica a posibilidade de prórroga extraordinaria para as industrias do mar.

 

Con respecto a este último, o Goberno galego xa avanzou que recorrerá ante o Tribunal Supremo este texto, co fin de manter a actividade económica e garantir o emprego no litoral galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022