A Xunta colabora coa autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao no acondicionamento da fachada marítima da cidade ferrolá

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentaron as actuacións para abrir a cidade ferrolá ao mar comunicando o centro urbano co porto nun acto no que se asinou o convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Autoridade Portuaria para levar a cabo os traballos de acondicionamento

A Autoridade Portuaria xa está a redactar o proxecto ao que o a Xunta achegará máis de 3M€ e que permitirá recuperar a contorna marítima e portuaria mediante o fomento do acceso peonil e ciclista e a posta en marcha de 140 prazas de nova creación en 2 aparcamentos que disuadan do acceso en vehículo particular ao núcleo urbano

Diego Calvo incidiu en que as obras se aliñan coa aposta da Administración autonómica por unha mobilidade sostible nas zonas urbanas ao mesmo tempo que se garante a seguridade viaria

Ferrol, 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe xunto á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, as actuacións que se levarán a cabo na fachada marítima de Ferrol co obxectivo de fomentar unha mobilidade sostible abrindo a cidade ao mar a través das melloras da conexión entre o porto e o centro urbano, en concreto entre Curuxeiras e A Malata.

 

No acto, no que estiveron presentes o presidente da entidade, Francisco Barea e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asinouse o convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Autoridade Portuaria para levar a cabo as tarefas de acondicionamento.

Os traballos de rexeneración suporán un investimento de 4,6 millóns de euros no marco deste acordo. A Xunta achegará 3,1 millóns de euros a través dos fondos de Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia do proxecto de rexeneración da fronte litoral que a entidade portuaria xa está a redactar. Por iso, Diego Calvo puxo en valor a colaboración co porto ferrolá para botar a andar esta iniciativa.

A colaboración permitirá mellorar a mobilidade e recuperar a contorna marítima e portuaria de Ferrol, o que repercutirá nunha maior de calidade de vida da cidadanía. Deste xeito, fomentarase o acceso peonil e ciclista e habilitaranse novas prazas de aparcamento que disuadan do acceso en vehículo particular ao núcleo urbano.

 

Tal e como explicou o vicepresidente segundo, o proxecto busca acadar estes obxectivos mediante tres intervencións clave. Por unha banda, a integración urbana e a mellora do tránsito peonil e ciclista na Estrada Baixa do Porto, cunha vía de 750 metros desde a enseada da Malata no porto interior ata o centro urbano, na avenida da Mariña. Converterase nun dos principais itinerarios ciclistas da cidade unindo infraestruturas existentes na Malata e no centro urbano, agora inconexas como o estadio de fútbol da, o recinto feiral de Ferrol (FIMO) ou o pavillón e a pista de atletismo, entre outros. Polo tanto, mellorarase o tránsito peonil e ciclista con esta e vía ciclista e cunha zona para peóns no lado este.

 

Esta actuación terá continuidade cos traballos previstos na contorna da dársena de Curuxeiras coa construción dun carril-bici direccional que enlaza co do paseo da Malata e un itinerario peonil polo leste para acceder a esta zona da dársena transformada en áreas náutico-recreativas onde a veciñanza pode desfrutar do contacto directo co mar.

 

Por último, o acordo entre a Xunta e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao prevé a construción de dous aparcamentos disuasorios de 140 prazas de nova creación cos que -segundo indicou Diego Calvo- facilitarán espazos en puntos de fácil acceso desde a rede viaria de alta capacidade, e próximos ao núcleo urbano de modo que se poida chegar a pé, en bicicleta ou en transporte público.

 

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu en que o acondicionamento da fachada marítima de Ferrol se enmarca na aposta do Goberno galego por acadar unha mobilidade sustentable e menos contaminante nas cidades e áreas urbanas ao mesmo tempo que se garante a seguridade viaria de peóns, ciclistas e vehículos.

 

O proxecto presentado hoxe amosa ademais o compromiso da Xunta coa comarca ferrolá ao abeiro do Pacto de Estado por Ferrol que, por parte da Xunta, conta con outras actuacións como a ampliación do novo hospital, melloras nas infraestruturas viarias para mellorar as conexións entre os concellos da zona ou a posta en marcha do novo albergue de peregrinos na Casa do Mar. Nesta liña, Diego Calvo sinalou a necesidade de que o Goberno central se pronuncie sobre a súa adhesión ao Pacto por Ferrol e sitúe entre as súas accións prioritarias as áreas que son da súa competencia como a construción naval ou en materia ferroviaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022