A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou este acordo co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa

A Xunta asina co Concello de Cartelle o convenio para dotar de saneamento o núcleo rural de Couxiliño

A Xunta financiará integramente as obras, que suporán un investimento superior aos 48.000 €, e o Concello de Cartelle executará e manterá as novas infraestruturas

Executarase unha rede de saneamento que servirá as vivendas situadas na pista que enlaza Couxiliño con núcleo da Lagoa, á que poderá acceder unha poboación estimada de 48 habitantes

A Xunta mantén a súa disposición de cooperación técnica e financeira cos concellos para axudalos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, o convenio de colaboración para a construción dunha rede de saneamento no núcleo rural de Couxiliño.

Segundo o establecido neste convenio, a Xunta financiará integramente os traballos, que suporán un investimento superior aos 48.000 euros. O Concello de Cartelle executará as obras e asumirá o mantemento das novas infraestruturas hidráulicas.

Trátase de executar as actuacións necesarias para dotar de sistema de saneamento municipal colectivo as vivendas situadas na pista que enlaza Couxiliño co núcleo da Lagoa.

Para iso executarase unha rede formada por un colector por gravidade, tubaxe soterrada para a canalización das augas residuais, 16 pozos de rexistro para enlazar a rede de saneamento e 8 acometidas particulares para dar servizo ás vivendas.

Mediante estes traballos dotarase de rede de saneamento a preto de 50 habitantes que non conta na actualidade co dito servizo.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2022