A nova convocatoria do programa Xogade contará con 15 actividades deportivas escolares e 38 federacións participantes

O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria que ademais das modalidades da actividade deportiva escolar e a actividade federada seguro deportivo 6-16 anos inclúe outras iniciativas destinadas a fomentar hábitos saudables e a práctica de deporte entre a poboación escolar

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2022  O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria do Programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2022/2023 que agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega. A edición do ano pasado rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades de Xogade grazas a participación de 117.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

Na próxima tempada as disciplinas convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade serán un total de 15: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.
 

Nesta tempada mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos participantes e tamén o transporte e a participación nas actividades, a cargo da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

 

No caso da actividade federada, tamén se sufragará un seguro deportivo de 6 a 16 anos financiado pola Xunta para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Na tempada 2022/2023 adheríronse 38 federacións ao programa Xogade: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, birlos, boxeo, ciclismo, deporte autóctono (modalidade deportiva de billarda), esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Ademais, na convocatoria publicada propóñense outras actividades ao abeiro do programa Xogade como: Coñece o meu club, para facilitar aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, cara á contribución ao seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada como breaking, deportes alternativos e tradicionais, parkour, remoergómetro...

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/09/2022