Lorenzana presenta en Portugal a estratexia Xempre contigo coa que a Xunta busca dar resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe en Valença na clausura do XXII Congreso Internacional de Formación para o traballo Norte de Portugal-Galicia 2022

Destacou, dun lado, que esta planificación inclúe a renovación integral do Servizo de Emprego de Galicia a través dunha nova ferramenta tecnolóxica para sincronizar a información de oferta e demanda en tempo real

Lorenzana apuntou que o tecido empresarial está a colaborar con esta iniciativa implicando a empresas referentes en Galicia para que envorquen as súas vacantes de emprego ao sistema

Destacou, doutra banda, que a Xunta traballa, a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, para ofrecer formación á carta e dar resposta ás necesidades laborais en eidos como o dixital, empresarial, asistencial e da construción

Valença (Portugal), 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Valença, no marco do XXII Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia, a estratexia de emprego Xempre Contigo coa que a Xunta está a levar a cabo unha renovación das políticas activas de emprego e a formación para o emprego.

Dun lado, destacou que a Administración autonómica está centrada en modernizar o Servizo de Emprego de Galicia para dar resposta ao gran reto de mellorar o emparellamento entre a oferta de emprego e demanda de traballadores. Neste senso, explicou que a Xunta contará cunha nova ferramenta tecnolóxica que emprega big data, business intelligent e intelixencia artificial para sincronizar información en tempo real e coa que se están a implicar empresas referentes en Galicia a través da formalización de protocolos de colaboración para que envorquen as súas vacantes de emprego no sistema de intermediación autonómico.

Lorenzana, doutra banda, puxo en valor a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha iniciativa inspirada polos principios da Axenda Europea das Capacidades “coa que queremos situar as capacidades das persoas no centro da nosa axenda política”, sinalou. A conselleira apuntou que esta iniciativa convirte a Galicia en pioneira en España e das primeiras de Europa ao aplicar estas directrices europeas no seu mercado de traballo.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade lembrou que esta Axenda naceu dun gran Pacto Social pola capacitación para o emprego en Galicia, un marco de colaboración que pretende actualizar e desenvolver as capacidades das persoas traballadoras ao longo de toda a vida co reto tamén de outorgarlle ás empresas as ferramentas que precisan para o seu crecemento e maior competitividade. “Trátase de contar cunha formación que dea resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral”, subliñou.

Formación á carta

Para iso, a través desta Axenda constituíronse nove mesas de traballo sectoriais nas que participaron as empresas máis representativas de ámbitos estratéxicos para a economía galega, constituíndo as mesmas unha representatividade do 60% do PIB e emprego de Galicia. Nestas mesas, segundo explicou a conselleira, detectáronse novas necesidades de capacitación profesional nas que agora está a traballar a Xunta para ofrecer formación á carta para dar resposta aos eidos dixital, empresarial, asistencial e da construción.

 

En definitiva, Lorenzana resumiu que Xempre Contigo busca afrontar unha nova realidade laboral que trae consigo novas oportunidades e novos retos como son axustar a oferta e a demanda de traballo e conseguir formar nas novas tendencias que detecta o tecido empresarial, tanto ás persoas ocupadas como ás demandantes de emprego. “Só así conseguiremos acadar unha maior taxa de empregabilidade, unha maior taxa de retención de talento, unha maior taxa de benestar laboral e unha maior competitividade empresarial”, indicou.

 

Para rematar, a conselleira apelou ao “traballo conxunto” para multiplicar o progreso dos territorios e das poboacións e agradeceu a celebración do Congreso Internacional de Formación para analizar a situación na que se atopa na actualidade a formación para o emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022