O presidente da Xunta interveu no Foro Económico organizado por La Voz de Galicia

Rueda subliña o esforzo de Galicia por ofrecer certezas e captar investimentos para potenciar unha economía máis competitiva e innovadora

Anuncia que os Orzamentos de 2023 incluirán unha rebaixa un 25% no Imposto de Patrimonio, que supón unha bonificación da metade da taxa logo de aplicar a mesma baixada no pasado ano
 

Subliña que Galicia afonda no seu propio modelo fiscal, que incorporará unha redución do IRPF coa diminución da tarifa no tramo máis baixo da declaración da renda e á consideración das familias de dous fillos como numerosas a efectos fiscais, cun aforro de arredor de 100 M€ para o que queda de lexislatura

Arteixo (A Coruña), 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou esta mañá o esforzo de Galicia por ofrecer certezas e captar investimentos para potenciar unha economía máis competitiva e innovadora.

 

Rueda sinalou os vindeiros Orzamentos do 2023 como a principal folla de ruta para resolver o “clima de incertezas” marcado pola inflación e a crise enerxética actual. Unhas contas públicas que Galicia volverá aprobar en tempo e forma e que se orientarán a unha Comunidade que responde ás necesidades das familias, á xeración de emprego e ás oportunidades de futuro, ademais de afondar no apoio ás economías domésticas con novas rebaixas fiscais.

 

Neste sentido, o titular do Executivo autonómico afirmou que Galicia continuará o seu propio modelo fiscal beneficioso para familias e empresas iniciado desde hai anos. Así, Rueda anunciou unha nova redución do 25% no Imposto de Patrimonio, que se suma á redución xa vixente do 25%. Con esta bonificación na metade do tributo, a Comunidade situarase como a terceira con menor presión fiscal sobre o patrimonio persoal, tal e como explicou na súa intervención no foro económico organizado por La Voz de Galicia

 

Esta nova redución únese á rebaixa do IRPF aprobada xa para o ano 2022, que sitúa a tarifa autonómica por debaixo da estatal en todos os tramos ata os 35.000 euros, e que beneficiará aos galegos nas súas declaracións a realizar no ano 2023.

 

En relación a este mesmo imposto, o presidente da Xunta anunciou un novo desconto que situará o tramo máis baixo da declaración da renda no 9% en lugar do 9,4%; e á consideración das familias de dous fillos como numerosas a efectos fiscais. Así, os galegos aforrarán arredor de 100 millóns de euros no tributo da renda no que queda de lexislatura.

 

Segundo explicou o presidente, “Galicia mírase no seu espello” para decidir a política tributaria, o que permitiu que desde o 2009 a Xunta conseguira aforrarlle ás familias 1.200 millóns de euros. “Aplicamos medidas pensando no que convén facer aquí” e co obxectivo de “que os servizos públicos funcionen”, remarcou.

 

Axilización no reparto dos fondos europeos

En liña coa necesidade de ofrecer estabilidade no actual escenario económico e de fomentar a captación de investimentos, Alfonso Rueda volveu instar ao Goberno a non deixar pasar a oportunidade dos fondos europeos e a desbloquear a inversión en proxectos tractores presentados por Galicia. O obxectivo, subliñou, pasa por apoiar iniciativas estratéxicas para Galicia que a día de hoxe “non contan con seguridades” de financiamento, como a plataforma para fabricar vehículo eléctricos presentada por Stellantis para Vigo; a planta de Showa Denko na Coruña orientada á mobilidade sustentable; ou o proxecto de Altri para instalar unha planta de fibras téxtiles en Palas de Rei.

 

Do mesmo xeito, o mandatario autonómico fixo fincapé no interese da comunidade por abandeirar sectores con moito futuro e situarse na vangarda da innovación, e citou, como proba dese compromiso, proxectos como planta de hidróxeno verde prevista para As Pontes, que supoñería un investimento de 156 millóns de euros; ou os plans de revalorización dos residuos gandeiros; os avances na supercomputación e o desenvolvemento da eólica mariña compatible coas actividades pesqueiras.

 

O presidente da Xunta defendeu un modelo que faga compatible o respecto ao medio ambiente coa actividade económica. Por esa razón, apelou de novo ao Goberno central para liderar a defensa do sector pesqueiro ante a Comisión Europea, logo de decretar veto á pesca de fondo. Un “erro”, considerou, que o Executivo debe recorrer e implicarse porque afecta á economía de toda España.  

 

Bases sólidas para o futuro

No seu relatorio, reivindicou as fortalezas de Galicia para encarar un escenario económico de incógnitas. Entre elas, puxo en valor a cifra de paro máis baixa acada nun mes de agosto da serie histórica, os récords de exportacións, o 74% da produción enerxética procedente de fontes renovables ou a forza de sectores vitais para a economía galega, como o téxtil, o naval, a automoción e o agroalimentario. Finalmente, Rueda reivindicou a política da Xunta orientada á atracción de investimentos empresariais, con simplificacións burocráticas que fomentan a xeración de actividade e emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2022