Fernández-Tapias destaca na noite das telecomunicacións os beneficios sociais que aporta o sector TIC autonómico

A delegada territorial da Xunta participou este venres no evento anual dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022

Destacou a Estratexia Galicia Digital 2030, cun investimento público de máis de 2.450 millóns

Vigo, 23 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este venres durante o evento anual da Noite das Telecomunicacións os beneficios sociais que aporta o sector TIC autonómico. No acto, celebrado no Hotel Attica 21, participaron arredor de 250 persoas, principalmente enxeñeiros de telecomunicación asociados, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC.

 

Fernández-Tapias participou no gala organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, cuxo lema este ano foi “Dixitalización sen fronteiras sociais”. A representante autonómica salientou tamén a Estratexia Galicia Digital 2030, posta en marcha pola Xunta cun investimento público de máis de 2.450 millóns, incluíndo os novos instrumentos de financiamento da Unión Europea.

 

“En 2010, a porcentaxe de fogares de Galicia que contaban con acceso a internet era de menos do 49%. En 2020 eran xa máis do 90 por cento, un crecemento que foi posible grazas aos plans de banda larga da Xunta que estenderon a cobertura de internet especialmente nas zonas do rural”, sinalou a delegada.

 

Durante a tradicional gala, o colectivo dos telecos galegos entregou os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, que recoñecen a cinco persoeiros ou entidades que destacan en diferentes ámbitos relacionados co eido TIC na comunidade autónoma.

 

Os premiados este ano foron Ricardo Fernández Fernández, como Enxeñeiro do ano 2022; o Proxecto Smilink, de Damián Vázquez Lavandeira, co Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais; Dinahosting, co Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións; o Proxecto Aldeas Intelixentes de Agader, da Consellería do Medio Rural dá Xunta de Galicia, co Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a sustentabilidade e o coidado da Terra; e Javier Rey Domínguez como Premio ao Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo curso 2021/202.

Data de actualización: 23/09/2022