A Xunta licita o proxecto para acondicionar unha praza no barrio da Atalaia do concello de Cervo

A actuación enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 M€ para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de licitar o proxecto para levar a cabo unha actuación urbanística que ten como obxectivo derrubar unha edificación no barrio da Atalaia para transformar ese espazo nunha praza coa que se ampliarán os espazos públicos do concello de Cervo. As obras licítase por un importe de 467.967,50 euros.

 

O proxecto, financiado ao 70% pola Xunta e ao 30% polo Concello, pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica. Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.  

 

A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten. A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.

 

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Data de actualización: 24/09/2022