A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora de Turismo, Nava Castro, participaron hoxe nunha nova edición de Galicia Fórum Gastronómico, que se está a celebrar na Coruña

A Xunta destaca a gastronomía como reclamo turístico de Galicia, ao primar os produtos de proximidade e a cociña autóctona

Vázquez Mourelle subliña que a gastronomía, xunto coa natureza, é un dos principais motivo escollido para visitar Galicia, un destino cunha cociña de calidade e sostible

Salienta que Galicia conta con 16 Estrelas Michelin, 37 restaurantes con Soles Repsol ou 25 incluídos na categoría Bib Gourmand, acreditacións da calidade culinaria

Preto de 40 empresas do sector primario participan no Galicia Fórum Gastronómico baixo o paraugas das consellerías do Medio Rural e do Mar

A Xunta dispón dunha área específica para actividades gastronómicas, cun túnel do viño con máis de 70 referencias e cun expositor con produtos do mar no que se organizarán distintas actividades de degustación

Compartir
  • whatsapp

A Coruña, 25 de setembro de 2022  A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a gastronomía como un dos reclamos turísticos de Galicia, onde priman os produtos de proximidade e a cociña autóctona.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade e o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora de Turismo, Nava Castro, participaron hoxe nunha nova edición de Galicia Fórum Gastronómico, que xa suma 20 convocatorias, as 4 últimas na Coruña.

 

Na súa intervención, Vázquez Mourelle destacou que este evento é un punto de encontro para empresas e produtores e supón unha oportunidade de formación para os novos talentos nos distintos talleres programados.

 

Subliñou que o foro constitúe o mellor escenario para a promoción dos produtos do mar e da terra maridados cos viños das denominacións de orixe protexidas. Lembrou, ademais, que a gastronomía, xunto coa natureza, é un dos principais motivos escollidos polos turistas para visitar Galicia, pois a comunidade está considerada como destino cunha cociña de calidade e sostible.

 

Ethel Vázquez puxo en valor que Galicia conta con 16 Estrelas Michelin concedidas a 15 restaurantes e outros 37 con Soles Repsol que acreditan a calidade da cociña, xunto cos 25 incluídos na categoría Bib Gourmand ou 3 con estrela verde, recoñecidos polo seu compromiso coa sustentabilidade.

 

Agro e mar

Os produtos do agro e do mar de Galicia teñen unha presenza destacada no Galicia Fórum Gastronómico. Así, a Xunta -a través das Consellerías de Medio Rural e do Mar- participa neste evento con preto de 40 empresas coexpositoras do sector agroalimentario.

 

As arredor de 30 empresas que acoden ao Fórum baixo o paraugas de Medio Rural ofrecen unha completa representación de produtores variados, adegas, queixerías, xeados, galletas ou mel, entre outras referencias de calidade. Cada unha destas empresas dispón dun espazo personalizado de 6 m² repartidos en cinco illas de 36 m² (postos do 110 ao 139). Ademais, este espazo institucional conta cunha área específica para actividades gastronómicas, a Aula de Experiencias, así como cun túnel do viño onde están representadas máis de 70 referencias de viños, augardentes e licores da nosa comunidade.

 

Nesta aula están programadas para estes tres días de evento unha serie de actividades dirixidas por persoal dos consellos reguladores dos produtos con indicativos de calidade diferenciada e da propia Axencia. Así, haberá catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e celebraranse varias exhibicións (showcookings) con preparacións culinarias a base destes produtos, dirixidas por especialistas do mundo da restauración. Por outro lado, a Xunta e os consellos reguladores participan tamén no espazo Ágora do Fórum, cunhas presentacións e elaboracións dirixidas e comentadas por profesionais.

 

Pola súa banda, a Consellería do Mar está presente neste evento cun expositor de 160 metros cadrados no que se difundirá a campaña GALICIA SABE AMAR e alberga a oito empresas coexpositoras. Durante os días que dura este encontro organizará distintas actividades de degustación, entre elas unha cos produtos certificados baixo o selo de calidade pescadeRías, que será no espazo obradoiro, e outra con conservas de produtos do mar, que se celebrará na aula Ágora.

 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/09/2022