A Xunta incrementa o orzamento das axudas anuais para a actividade deportiva

A tecnificación galega conta con seis novos núcleos de adestramentos especializados, das federacións galegas de Hóckey en Ourense, de Surf en Nigrán e de Squash en Ames, xunto cos Club Kayak Tudense e os clubs coruñeses Boxeo Kick Boxing e Halterofilia Coruña, tamén recoñecidos como NADE

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022 A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, destinou este ano 2 millóns de euros ás subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas neste ano.

A contía é un 5% superior ao do ano pasado e o orzamento distribúese en dúas liñas: 1,94 millóns de euros para o desenvolvemento de actividades deportivas polos clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas e os 60.000 euros restantes a núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE). A contía máxima por entidade beneficiaria é de 10.000 euros, na primeira liña, e 30.000 euros na segunda.

En total foron 1.088 entidades beneficiadas -375 da Coruña, 131 de Lugo, 108 de Ourense e 474 de Pontevedra- cun promedio de axuda de 1.783 euros (un 15% máis que en 2021). Cómpre salientar que, desde 2009, as entidades e clubs deportivos de Galicia recibiron a través desta liña un total de 28,7 millóns de euros.

Como protagonistas da segunda liña de axudas, os NADE son unha figura xurdida no ano 2020 ao amparo do decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia.

Trátase dos recursos xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. O recoñecemento destes núcleos permite abarcar e colaborar nas distintas realidades da preparación da alta dedicación deportiva na comunidade.

Centros NADE

Na actualidade atópanse recoñecidos como NADE seis centros. Tres deles son federativos: o da Federación Galega de Hóckey en Ourense; o da Federación Galega de Surf en Nigrán; e o da Federación Galega de Squash en Ames. Os outros tres NADE corresponden a tres clubs: o Club Kayak Tudense de Tui, xunto co Club Boxeo Kick Boxing e o Club Halterofilia Coruña, ambos da Coruña.

Na convocatoria deste ano recibiron axudas o Club Kayak Tudense e o Club Boxeo Kick Boxing, quedando o Club Halterofilia Coruña para 2023. Os NADE federativos subvenciónanse con cargo aos seus respectivos convenios.

Cómpre engadir que aos 2 millóns destinados polo Goberno galego a esta liña de axudas para o desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos e de sociedades anónimas e seccións deportivas, a Xunta investiu neste 2022 outros 700.000 euros en equipamento deportivo para clubs e federacións deportivas. Desta outra liña beneficiáronse 97 entidades, en concreto, 73 clubs e 24 federacións deportivas. Por tanto, o investimento total da Administración autonómica en apoio aos clubs galegos acada os 2,7 millóns de euros.