A Xunta dá continuidade ao obradoiro Vía Künig que comparten Becerreá, As Nogais e Baralla cun novo investimento de 504.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, entregou os diplomas aos 20 alumnos que rematan a formación e lembrou que en breve comezará outro proxecto para “seguir xerando oportunidades laborais e realizando obras e servizos”

As Nogais (Lugo), 26 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará continuidade ao obradoiro de emprego Vía Künig, que comparten os concellos de Becerreá, As Nogais e Baralla, cunha nova edición na que investirá 504.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron na terceira edición deste proxecto e anunciou que xa está aprobada unha cuarta que se porá en marcha nas vindeiras semanas e, como novidade, ampliará a duración dos nove meses a un ano.

 

Deste xeito, apuntou Arias, “pretendemos seguir xerando oportunidades laborais para as persoas sen emprego e impulsando a realización de obras e servizos de interese para os municipios”. En total, os dous obradoiros formarán 40 persoas en actividades relacionadas coa construción, grazas a un investimento conxunto de 851.000 euros por parte da Xunta.

 

Nos últimos meses, os participantes acondicionaron a nave da antiga escola taller das Nogais como punto de atención ao peregrino e urbanizaron a contorna, ademais de rehabilitar o lavadoiro e a fonte de Doncos. En Baralla reformaron a báscula de Sobrado, un camiño en Piñeira e a rúa Fabeiro. Pola súa banda, en Becerreá traballaron na peonalización da rúa O Souto e a travesía da Preira, a construción de vestiarios e aparcadoiro para persoas con discapacidade nas instalacións do parque móbil e a reconstrución da fonte de A Carunchada.

 

Os 20 alumnos traballadores que tomen o relevo executarán unha senda peonil paralela á N-VI entre Becerreá e Cereixal e outra paralela á mesma estrada na Ferrería, xa no municipio das Nogais. En Baralla ampliarán o centro sociocultural para punto de atención ao peregrino.

 

Contratos

Nos obradoiros de emprego os participantes reciben formación teórica e práctica en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade, ao tempo que asinan un contrato de traballo que lles garante un salario e a adquisición de experiencia laboral; tamén acceden a un certificado de profesionalidade con validez en toda España.

 

Ademais, os obradoiros duais Vía Künig inclúen incentivos á contratación para catro participantes, que se traducen en contratos en empresas da contorna para desenvolver funcións relacionadas coa aprendizaxe recibida, por un mínimo de tres meses a xornada competa.

 

Na selección dos participantes teñen prioridade as persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2022