O 061 de Galicia asistiu 76 persoas por 50 accidentes de tráfico durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 23 de setembro ata as 23,59 horas do domingo, 25 de setembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 59 chamadas por accidentes de tráfico

Compartir
  • whatsapp

A Estrada (Pontevedra), 26 de setembro de 2022 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 76 persoas debido a 50 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 23 de setembro, ata as 23,59 horas do domingo, 25 de setembro. O domingo foi o día que rexistrou máis sinistros, con 23 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 59 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 50 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 76 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64% e do 36% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 32% dos atendidos tiña entre 35 e 49 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 24 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
24
Lugo
5
Ourense
8
Pontevedra
13
Galicia
50

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 73. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado mobilizouse en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 58 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.

En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en   oito ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2022