Na presentación da 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia)

Gabriel Alén sinala a Ourense e Galicia como destinos internacionais líderes en turismo de saúde e benestar

O delegado territorial explicou que a Xunta traballa na reactivación conxunta do turismo termal galego como unha proposta complementaria ideal que permite contar cunha oferta de calidade e especializada
 

Para Gabriel Alén o termalismo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023
 

O representante do Goberno galego subliñou que “temos claro dende a Xunta a capacidade do termalismo como recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, ademais de contribuír ao equilibrio territorial e ao desenvolvemento rural dos territorios nos que se asentan os 21 balnearios da comunidade”
 

Gabriel Alén subliñou que Ourense conta coas mellores augas termais pero debemos arroupalas no eido formativo coa oferta existente en ciclos de FP como o da Farixa ou con axudas institucionais que permitan seguir a mellorar as infraestruturas necesarias

Ourense, 26 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á presentación da  20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia) que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense o 29 e 30 de setembro, nuns días nos que Ourense e Galicia converteranse en destino internacional líder en turismo de saúde e benestar xa que, ademais da propia Termatalia, celebrarase o Congreso Internacional de Turismo Termal (27 ao 29 de setembro) organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e a Deputación Provincial de Ourense baixo o amparo da Organización Mundial de Turismo. O 30 de setembro pola tarde e ata o 2 de outubro, entre Expourense e o Balneario de Laias botará a andar tamén o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española e Hidroloxía Médica.

 

A 20ª edición de Termatalia preséntase como cita presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional. Conta coa participación de 140 expositores de Europa e América fundamentalmente. Termatalia 2022 conta coa presenza directa de 25 países aínda que, se se fai referencia aos países representados a través dos expositores presentes ou de accións concretas como o World Coffee Challenge, esta cifra ascende a 55 países representados. Estes datos, sumados á presenza de 70 disertantes internacionais, posicionan ademais a Galicia e a Ourense como centro de formación profesional en materia de termalismo.

 

O delegado territorial subliñou que Ourense conta coas mellores augas termais, recurso natural que Termatalia axuda a que sexa coñecido en todo o mundo, “pero que nos obriga a ser esixentes coas canles que o fan chegar ao mercado”. Gabriel Alén engadiu que “a nosa provincia pode presumir de Termalismo, sector que se debe complementar no eido formativo coa oferta existente en ciclos de FP como o da Farixa ou as axudas institucionais que permitan seguir a mellorar as infraestruturas necesarias”. “A todo este ordenamento de factores e contexto, sen lugar a dúbidas, contribuirá a creación dunha área estratéxica de termalismo dependente da Xunta de Galicia que está a piques de vela luz”, sentenciou Gabriel Alén.

 

Para o delegado territorial a Xunta traballa na reactivación conxunta do turismo termal galego como unha proposta complementaria ideal que permite contar cunha oferta de calidade e especializada, e con gran capacidade de desestacionalización da demanda e de captación de máis segmentos de público combinada con outros produtos ou servizos.

 

Gabriel Alén destacou que Galicia constitúe un enclave cun valor potencial no ámbito termal e as singulares condicións do territorio para o desenvolvemento do sector; por iso – engadiu o delegado territorial- “temos claro dende a Xunta a capacidade do termalismo como recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, ademais de contribuír ao equilibrio territorial e ao desenvolvemento rural dos territorios nos que se asentan os 21 balnearios da comunidade”.

 

O representante do Goberno galego sinalou tamén que o termalismo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023. O máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España. Acadáronse 726.543 viaxeiros, máximo da serie histórica de agosto. E no que respecta ás noites, con máis de 1,6 millóns, Galicia iguala o máximo histórico do oitavo mes do ano acadado no 2017 e supera o do anterior Xacobeo (1,4 millóns de noites).

 

As cifras de viaxeiros aloxados superan nun 9,9% as do 2019, antes da pandemia; e as de noites, nun 3,4%. No conxunto de España, o nivel de recuperación respecto do 2019 sitúase no 98%, mentres que en Galicia está por riba do 100% por terceiro mes consecutivo, consolidando a tendencia positiva dos últimos meses. Ademais, Galicia lidera os bos datos turísticos da España Verde xunto co País Vasco.

 

No acumulado do ano 2022, son 4,1 millóns os viaxeiros aloxados, cun incremento do 82,4% respecto do 2021 e dun 23,6% respecto do 2019.

 

Deste xeito, e contando coa presenza directa na feira de 25 países de todo o mundo, esta nova edición –segundo o delegado territorial- “volverá incidir nas claves para o desenvolvemento do sector: negocio formación e capital relacional ofrecendo para iso un completo programa de actividades profesionais, quedando patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do Turismo Termal e de Benestar a nivel mundial”; por iso “temos a necesidade de seguir consolidando no caso do turismo termal este produto turístico estratéxico que sitúa a Galicia como referente nacional e internacional que soubo adaptarse á situación derivada da covid e saír reforzado como así o amosan as cifras”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2022