Fernández-Tapias presenta o festival “Galicia Ilusiona” que chegará a Vigo en outubro como referente mundial da maxia da man do Xacobeo

A delegada territorial da Xunta destaca a iniciativa que ten como obxectivo levar e encher de ilusión toda a comunidade como reclamo turístico


O Auditorio Mar de Vigo acollerá o 9 de outubro o Festival Mundial do Ilusionismo e haberá unha función solidaria dous días antes na Unidade de Pediatría do Cunqueiro
 

Vigo, 26 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este luns xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que chegará o vindeiro mes de outubro. A iniciativa xa percorre toda Galicia desde o 1 de agosto con máis de 220 actuacións en máis dun centenar de concellos galegos.

 

Segundo avanzou Fernández-Tapias, que estivo acompañada polos directores e promotores Pedro Bugarín e Daniel Polo, o espectáculo recalará o 9 de outubro no Auditorio Mar de Vigo e dous días antes haberá unha función solidaria na Unidade de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro.

 

“Trátase de maxia dun altísimo nivel da man dos mellores e máis premiados ilusionistas do momento que xa están inundando de ilusión Galicia nun ano máxico inesquecible”, sinalou a representante autonómica. A Xunta apoia esta iniciativa baixo o paraugas do Xacobeo co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade.

 

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona inclúe nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22.

 

A programación do festival conta ademais con 7 desafíos extremos levados a cabo neste período por distintos artistas en lugares emblemáticos das 7 grandes cidades. As urbes galegas converteranse en capitais mundiais do ilusionismo e acollerán tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores meigos e magas do mundo.

 

A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos pequenos ingresados.    

Data de actualización: 26/09/2022