O xurado do Premio Otero Pedrayo outorga o galardón deste ano a Ángel Carracedo pola súa traxectoria na investigación médica e científica

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participan na xuntanza do galardón promovido pola Xunta e as catro deputacións

Compartir
  • whatsapp

 

A Coruña, 26 de setembro 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe no Pazo de Mariñán na reunión do xurado do Premio Otero Pedrayo 2022, o galardón cultural máis lonxevo de Galicia, que este ano recaeu no catedrático de Medicina Legal, investigador e xenetista Ángel Carracedo. É a primeira vez que se recoñece con esta distinción unha traxectoria centrada na investigación médica e científica.

 

Este premio, instaurado en 1977, está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

 

Así, nesta edición, tívose en conta o importante papel da investigación científica e médica despois dos dous anos de pandemia. Neste ámbito, Ángel Carracedo representa unha figura privilexiada no ámbito da ciencia, cunha traxectoria que está a ser unha referencia na historia da investigación galega.

 

Relevancia internacional

O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 no Concello de Santa Comba e é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta cunha extensa traxectoria que o converteu nun dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional.

 

Entre outros cargos e títulos, desde o ano 1994 é director do Instituto de Medicina Legal da USC. Conta tamén na súa traxectoria co título de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Socidade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics.

 

As súas investigacións céntranse na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2022