A Xunta apoia con 700.000€ o labor dunha trintena de entidades da rede Eusumo de impulso á economía social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución deste programa de axudas no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano un 7,7% máis que na pasada edición
 

Ata o próximo 30 de setembro poden solicitarse as axudas do Aprol Economía Social, dos bonos Consolida e Es-Transforma e do programa dirixido ás empresas de inserción
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022  A Xunta apoia este ano con preto de 700.000 euros o labor dunha trintena de entidades que forman parte da Rede Eusumo, unha iniciativa do Goberno galego para impulsar iniciativas de economía social e que cumpre dez anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria 2022-2023 na que investiu, en concreto, 683.000 euros, un 7,7% máis que en 2021, co que se financiarán máis de 200 actividades de promoción da economía social.

A Rede Eusumo está formada por entidades colaboradoras de diversa tipoloxía como son asociacións de entidades de economía social de Galicia; concellos, mancomunidades, consorcios locais ou áreas metropolitanas; cámaras de comercio; universidades; fundacións e asociacións, organizacións profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro.

Como novidade, a convocatoria deste ano tivo en conta como criterio de valoración específico o feito de que as actividades formativas estivesen dirixidas ao emprendemento na economía social para persoas menores de 30 anos e incentivouse tamén a participación nas solicitudes conxuntas coas asociacións de entidades de economía social e coas universidades.

No eido da economía social, a Administración autonómica conta con diferentes programas de axudas dos que continúa aberto, ata o próximo 30 de setembro, o prazo de solicitude do Aprol Economía Social, das axudas a empresas de inserción e dos bonos Consolida e Es-Transforma.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia, dunha banda, o emprendemento neste sector por medio do programa Aprol Economía Social (3,8M€) con axudas directas ás cooperativas e sociedades laborais. O programa contempla dúas liñas compatibles entre si: a primeira, á que se destinan 2,1 millóns de euros, persegue o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios. A segunda, cun investimento de case 1,7 millóns, promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.  

Contratación en empresas de inserción laboral

A Xunta de Galicia apoia, por outra banda, a unhas 13 empresas de inserción na contratación de persoas en risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres años.

O programa da Xunta prevé o financiamento dos custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Ademais, inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.

E ata o 30 de setembro poden solicitarse tamén os bonos Consolida (con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética) e Es-Transforma (con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional).

A Xunta segue a reforzar deste modo a economía social en Galicia, que continúa a crecer con 174 entidades constituídas en 2021. Esta fórmula ten demostrado sobrada capacidade para xerar emprego tendo un papel destacado na economía galega, xa que representa o 7% do seu PIB.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2022