A Xunta abre unha nova convocatoria para apoiar a inserción laboral de máis de 3.700 persoas con discapacidade en centros especiais de emprego

O Goberno galego promove a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo nos 122 centros especiais de emprego (CEE) rexistrados en Galicia


O orzamento global supera os 24M€, case o 21% máis que na anterior convocatoria


Prevense crear máis de 100 postos de traballo indefinido e apoiar a contratación doutro cento de profesionais nas unidades de apoio dos CEE


Coa medida estas entidades recibirán ata 25.000 euros pola xeración de postos indefinidos para traballadores con especial dificultade para a inserción

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022  A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas dirixidas a favorecer a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego (CEE). O Goberno destinará 24,1 millóns de euros no período 2022-2023 a estes apoios, unha contía que supera nun 20,89% o orzamento inicial da edición anterior e coa que se espera poder beneficiar a máis de 3.700 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 100 postos de traballo indefinido.

Galicia conta na actualidade con 122 centros especiais de emprego rexistrados, que poden optar tamén aos incentivos para o mantemento duns 100 profesionais para dar apoio a máis de 600 persoas con especiais dificultades para acceder a un emprego.

A Xunta abrirá tres liñas de axuda: a 1ª, para o mantemento do custo salarial nos CEE; una 2ª para financiar as unidades de apoio á actividade profesional; e, unha 3ª, que promoverá a creación de postos estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nestes centros.

A liña máis dotada, con 21,8M€ destinarase a manter os custos salariais e os empregos das persoas traballadoras con discapacidade nos CEE, que recibirán importes equivalentes ao 50% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e do 60% no caso de se tratar de persoas con condicións de especial dificultade para a inserción laboral (discapacidade psíquica maior ou igual ao 33% e/ou discapacidade física ou sensorial do 65% ou maior).

Un total de 1,2 millóns destinaranse, por outra banda, a financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio a esas persoas con maiores obstáculos para atopar traballo.

O resto, 1,1 millón de euros, distribuirase en achegas para dar estabilidade aos postos de traballo mediante a contratación indefinida (máximo de 7 postos por centro subvencionables) con incentivos de ata 25.000 euros por posto creado a xornada completa en función das características da persoa traballadora; para a adaptación de postos de traballo as condicións das persoas con ata 2.000 euros por cada un; e para financiar as asistencias técnicas nos CEE -con apoios que irán dos 1.000 euros ata os 15.000 euros en función da modalidade- para o desenvolvemento de auditorías, contratación de persoal de dirección, certificados de calidade, informes económicos, etc.

As solicitudes poderanse formalizar desde mañá e ata o próximo 27 de outubro.

O Goberno galego está a redobrar esforzos a favor da integración laboral de persoas con discapacidade. Os centros especiais de emprego constitúen un mecanismo eficaz de transición destes traballadores previo a dar o paso ao mercado ordinario de traballo.

Nos últimos 12 anos, o número de persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia duplicouse, pasando das 1.296 persoas de 2009 ás 3.713 de 2021.

Estes apoios publicados no DOG forman parte do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano 40M€ de orzamento. A través dos mesmos estase a favorecer a empregabilidade e formación para o emprego dunhas 6.000 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2022