A Xunta destina preto de 6 M€ en axudas para fomentar a utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente convocatoria destas achegas, cuxo obxectivo é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a reestruturación e modernización das mesmas

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas a proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo. En total, a Xunta destina 5.875.000 euros a estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)  no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

 

O obxectivo destas subvencións, que están destinadas ás cooperativas agropecuarias, é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a reestruturación e modernización das mesmas, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ademais, tamén busca reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

 

O importe das subvencións será do 40% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60% en función da aplicación de criterios relacionado con operacións en agricultura ecolóxica, fusión de cooperativas, investimentos en zonas con limitacións naturais ou vinculadas á innovación. Nesta liña, establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros. Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

 
Enlace á convocatoria no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220927/AnuncioG0426-150922-0001_gl.html

Data de actualización: 27/09/2022