A Xunta destina máis de 11 M€ a 23 obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra para formar durante un ano a 446 persoas desempregadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xefa territorial de Emprego, Marta Mariño, veñen de presentar esta nova quenda de iniciativas laborais, que comezarán a vindeira semana e beneficiarán a 35 concellos
 

Os trece talleres concedidos á área territorial de Pontevedra, xa que os outros dez pertencen á de Vigo, contan cunha achega individual de 504.000€ por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Pontevedra, 27 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai destinar 11,2 millóns de euros ao desenvolvemento de 23 obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra durante o período 2022-2023 para formar, por espazo de doce meses, a 446 persoas desempregadas.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xefa territorial de Emprego, Marta Mariño, veñen de presentar no edificio administrativo de Campolongo estas iniciativas laborais, que comenzarán maioritariamente a vindeira semana cunha achega de 504.000 euros cada unha delas e beneficiarán a 35 concellos, xa que existen obradoiros individuais, de agrupacións de concellos e de mancomunidades.

 

“A Xunta volver facer unha aposta fortísima cos obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra, cun investimento por riba dos 11 millóns de euros co que pretendemos complementar, cun formato distinto, a atractiva proposta da nosa FP e outorgar oportunidades laborais a moita xente, que ademais recibirá un soldo durante a súa formación, nunha época que se presume complicada polo contexto e na que o Goberno galego nunca lle falla á xente”, manifestou o representante autonómico.

 

Na comarca do Salnés, o Concello de Vilagarcía desenvolverá o obradoiro Forme 2022 cos módulos de Carpintaría e Moble e Albanelería e Acabados; o Concello de Cambados ten aprobado Rutas de Sendeirismo coas ensinanzas de Albanelería e Carpintaría; o Concello do Grove realizará A Lanzada V con formación en Cociña e Operacións de Bar e Restaurante, a Mancomunidade do Salnés repetirá con Hostalería do Salnés XIV cos mesmos módulos que no Grove ante a demanda na zona para o sector turístico, e o Concello de Vilanova de Arousa levará a cabo Vista Real VIII coas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Promoción Turística Local e Atención ao Visitante. Nesta comarca, a Xunta de Galicia investirá máis de 2,5 millóns de euros para formar a un cento de persoas desempregadas.

 

Na bisbarra de Caldas, terá lugar a iniciativa Os Camiños do Camiño III en Caldas de Reis coas modalidades de Albanelería e Xardinaría-Forestal e Ulla-Umia VI, compartido polos concellos de Moraña e Valga e que terá as especialidades de Forestal e Carpintaría. A zona beneficiarase dunha achega de máis dun millón de euros do Goberno galego para preparar a 40 persoas.

 

Na comarca do Deza, haberá novos obradoiros en Lalín, baixo a denominación de Sendas II e cos módulos de Albanelería de Fábricas e Cubertas e Repoboación Forestal e Tratamentos Silvícolas, e na agrupación de Dozón, Rodeiro e Agolada, que se presenta como Freixo II e terá formación en Conservación e Mellora de Montes e Repoboación Forestal e Tratamentos Silvícolas. Esta bisbarra poderá formar a 40 persoas sen traballo cun investimento de máis dun millón de euros.

 

No sur da provincia aprobáronse un total de catro obradoiros cunha achega de máis de 2 millóns de euros para formar a 80 persoas. No Baixo Miño celebraranse o obradoiro Manuel B.Portela VIII no Concello da Guarda cos módulos de Albanelería e Forestal-Xardinaría e Senda Peonil Río Furnia no municipio de Tui cos cursos de Conservación de Montes e Repoboación Forestal e Montaxe de Instalacións de Madeira e Traballos de Carpintaría. Xa no Condado, o Concello de Ponteareas ten concedida a iniciativa Coidar de Nós V coas modalidades de Atención Sociosanitaria en Domicilio e Institucións e Albanelería, mentres que o de Salvaterra do Miño executará Emprega II con formación en Conservación de Montes e Xardinaría.

 

Ademais destas trece iniciativas laborais, a oferta na provincia complétase con outra decena, cunha achega da Xunta de case 4,7 millóns de euros, a prol de concellos, mancomunidades ou entidades da área territorial de Vigo que formarán a 186 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2022