A Xunta amplía ata 1 M€ o crédito da axuda para comprar bicicletas eléctricas, que xa atendeu 82 solicitudes en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que os interesados poden acceder ás achegas ata o 15 de novembro a través dos 16 establecementos colaboradores na provincia

Lugo, 27 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ampliou en 500.000 euros o crédito das axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas, alcanzando así 1 millón de euros de orzamento para atender á elevada demanda rexistrada desde a súa posta en marcha, o pasado 1 de agosto.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou o éxito da iniciativa e animou ás persoas interesadas a sumarse a través dalgún dos 16 establecementos colaboradores adheridos á campaña na provincia.

 

A Xunta atendeu co orzamento inicial de medio millón de euros 1003 solicitudes, que contan xa coa correspondente reserva de fondos; deste total, 82 proceden da provincia de Lugo e suman unha contía de 39.860 euros.

 

Á falta de dous meses para pechar o prazo da convocatoria había xa preto dun centenar de peticións sen orzamento, razón pola que se decidiu reforzar o investimento “para dar entrada a estas e outras peticións que poden presentarse ata o 15 de novembro”, apuntou Arias.

 

A achega autonómica, con carácter xeral, é de ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros. Non obstante, as familias numerosas teñen máis vantaxes, pois os incentivos cobren o 60%, cunha achega tope de 600 €; e para as de categoría especial, os descontos elévanse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70% do custo.

 

As achegas tramítanse a través dos establecementos que se sumaron ao programa. Na provincia hai sete na capital, dous en Monforte e Ribadeo respectivamente, e un en Burela, Viveiro, Cervo, Lourenzá e Abadín. A listaxe completa de entidades comerciais pode consultarse na web de mobilidade sostible da Consellería.

 

Esta iniciativa da Xunta está enmarcada no programa Ebici, cuxos obxectivos son diminuír o uso do coche particular, favorecer modos de transporte non motorizados, reducir emisións á atmosfera e a contaminación acústica e promover unha vida máis saudable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2022