A Xunta abre mañá as axudas para o novo programa de voluntariado interxeracional no medio rural

O obxectivo da iniciativa é fomentar os encontros e as actividades entre mozos de entre 16 e 35 anos e maiores de 55 anos para impulsar o seu crecemento persoal e profesional

 

Conta cun orzamento de 760.000 euros para apoiar a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outras actuacións
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para o novo programa de voluntariado interxeracional no medio rural coa intención de seguir mellorando as perspectivas de crecemento e posta en valor, e impulsar novas oportunidades de inserción laboral á mocidade.

 

Esta iniciativa novidosa conta cun orzamento de 760.000 euros, distribuídos entre 2022 e 2023 para impulsar diferentes actividades con mozos de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55.

 

Este programa está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas e centrarase nas zonas do rural galego. Procura fomentar actividades formativas, de intercambio de experiencia e coñecementos, nos concellos de menor tamaño vinculados a ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo e o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos.

 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e estará aberto a partir de mañá. É preciso presentalas por vía electrónica a través do formulario dispoñible en www.sede.xunta.gal.

 

A Xunta de Galicia aposta polas iniciativas de carácter interxeracional coa intención de sumar esforzos entre os novos e os de máis idade para favorecer o crecemento persoal e tamén laboral dos máis novos. Deste xeito, os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo.

Data de actualización: 27/09/2022