A Xunta adxudica máis de 23.000 m2 de solo no polígono da Sionlla, con bonificacións que superan os 788.000 €

A empresa pública Xestur adxudicou esta mañá 5 parcelas en réxime de compravenda, por un prezo de máis de 2,7 millóns de euros, unha vez aplicada xa a bonificación

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022 A Xunta de Galicia adxudicou 5 parcelas de solo empresarial no parque da Sionlla, en Santiago de Compostela, cunha superficie total de 23.275,50 metros cadrados.

 

As parcelas foron asignadas esta mañá en réxime de compravenda no marco da reunión da Comisión Executiva da empresa pública Xestur. O prezo total das adxudicacións no polígono compostelán ascende a 2.722.947 euros, unha vez aplicada xa unha bonificación por importe de 788.255 euros.

 

As empresas adxudicatarias destas cinco parcelas corresponden ao sectores de materiais para construción, almacenaxe frigorífico, distribución de mercadorías e produción e embotellado de bebidas.

 

Estas novas adxudicacións en Santiago enmárcanse no segundo concurso de solo empresarial convocado por Xestur o pasado mes de xuño, no que se incluíron unicamente aquelas áreas industriais nas que se rexistrara concorrencia de ofertas sobre as mesmas parcelas e, polo tanto, houbo empresas demandantes ás que non se lle puido adxudicar solo no marco do primeiro proceso.

Data de actualización: 27/09/2022