A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu no pleno do Parlamento no que se debateu e votou a nova normativa

A nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal, permitirá axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo

A normativa aprobada hoxe ten como obxectivo dotar a Comunidade de espazos empresariais competitivos, funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal, creará riqueza xa que permitirá axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial.

 

A nova normativa, aprobada co voto a favor dos grupos parlamentarios socialista e popular, ten como obxectivo asentar futuro dotando a Galicia de espazos empresariais competitivos, funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica.

 

Cómpre salientar que esta lei era necesaria para poder unificar nun só texto todo o marco normativo; dispor de planificación de solo a longo prazo; facilitar a execución das áreas empresariais por fases, en atención á demanda existente; axilizar as modificacións na ordenación dos parques, e reforzar a xestión e conservación destas zonas industriais.

 

Para cumprir eses obxectivos, a nova normativa inclúe a creación de figuras como as reservas estratéxicas de solo e os plans estruturantes, que permitirán reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización. E, ademais, redóbrase a aposta polos Concellos Emprendedores, dándolle rango de lei a esta figura que conta xa con 152 municipios adheridos e que supón importantes beneficios no eido do emprego, o comercio local ou a industria.

 

A Lei de áreas empresariais será unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade, consolidando a Comunidade como un territorio atractivo para que as empresas se implanten.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2022