A Xunta ofrecerá cualificación en competencias dixitais a 80 docentes especializados en formación para o emprego

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abre o prazo de inscrición para a terceira edición do programa Formadores Dixitais

Resérvanse o 10% das prazas a persoas emprendedoras cun proxecto empresarial no ámbito da formación en liña e outro 10% para orientadores laborais en activo durante o período de inscrición á iniciativa, que remata o 2 de outubro
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022.- A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa Formadores Dixitais co que ofrece cualificación en competencias dixitais a 80 docentes especializados en formación para o emprego.

A iniciativa vai dirixida a estes profesionais, xa que a docencia vinculada á area de emprego é unha pedra angular nas dinámicas dun mercado laboral en constante evolución con un novo abano de posibilidades que están dando paso a novos desafíos, principalmente no eido dixital.

Formadores Dixitais vai dirixido, polo tanto, a docentes residentes en Galicia que impartan ou impartisen desde o ano 2020 algún curso dentro do eido da formación para o emprego reservándose un 10% das prazas a persoas emprendedoras cun proxecto empresarial no eido da formación en liña e outro 10% a orientadores laborais en activo durante o período de inscrición que remata o próximo 2 de outubro. Os interesados poden anotarse xa a través da páxina web www.formadoresdixitais.com.

O programa formativo, integramente en liña, combinará formación virtual presencial (videoconferencias) con formación impartida a través de vídeos e contidos que estarán dispoñibles na plataforma de formación. A iniciativa consta de 90 horas lectivas repartidas en diferentes módulos formativos, todos eles cun mesmo propósito: mellorar a capacitación dixital das persoas que traballan na formación para o emprego ofrecéndolles ferramentas baseadas no e-learning.

Data de actualización: 28/09/2022