A Xunta financia con 182.000 euros a contratación de sete orientadores laborais en cinco municipios e a mancomunidade de concellos da comarca de Ferrolterra

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta convocatoria en toda Galicia 6,8 millóns de euros que permitirán a contratación e mantemento de 268 orientadores laborais en 94 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro e confederacións e asociación empresariais e sindicais

A contía máxima para cada técnico contratado nos concellos a tempo completo é de 26.000 euros
 

Ferrol, 28 de setembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia financia este ano cun investimento de 182.000 euros a contratación e mantemento de sete orientadores laborais en cinco municipios da área e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

 

Os contratos teñen unha duración dun ano de duración financiándose estas postos cunha contía máxima de 26.000 euros por cada técnico de orientación laboral incorporado a tempo completo e con 29.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención á discapacidade. Unhas contías que se incrementaron este ano en 1.000 euros en relación coa convocatoria anterior.

 

Os orientadores prestan asistencia para o autoemprego e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (aquelas inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidade das traballadoras e traballadores desempregados; proporcionar información sobre o mercado laboral e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego, ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas, son algunhas das súas funcións.

 

En total, na Comunidade autónoma o Goberno galego inviste nesta convocatoria 6,8 millóns de euros que permitirán a contratación e mantemento de 268 orientadores laborais en 94 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro e confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia

 

Un dos obxectivos da Xunta no ámbito laboral é a mellora da orientación cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas. Por iso desde o ano 2009, grazas a esta convocatoria concedéronse axudas para a celebración de 3.500 contratos de persoal técnico de orientación laboral por parte dos concellos e as entidades empresariais e sindicais.

 
 
 
 

DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS POR CONCELLOS NA COMARCA DE FERROLTERRA

 
ENTIDADE
IMPORTE
CONTRATO
Concello de Ortigueira
26.000
1
Concello de Ferrol
52.000
2
Concello de Narón
26.000
1
Concello de Fene
26.000
1
Concello das Pontes
26.000
1

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

26.000
1
TOTAIS

182.000 €

7
 
 
Data de actualización: 28/09/2022