O presidente da Xunta interveu no Pleno do Parlamento de Galicia

Rueda anuncia a participación da Xunta a través da sociedade Impulsa Galicia para crear unha planta de transformación de xurro e outros residuos gandeiros en biometano e fertilizantes orgánicos

O presidente destaca que este proxecto no que están implicadas Reganosa, Repsol e Naturgy contará cun investimento de 146 M€ e creará 600 postos de traballo, entre directos e indirectos
 

Pide o apoio financeiro do Goberno central, a quen lle reproba que aínda teña sen executar dos PERTE 24.600 M€

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia que o Goberno galego vai apoiar a creación dunha planta de transformación de xurro e outros residuos gandeiros en biometano e fertilizantes orgánicos, na que participan Reganosa, Repsol e Naturgy coa sociedade semipública Impulsa Galicia.

 

O titular do Executivo autonómico informou deste novo proxecto de economía circular na súa intervención do Pleno do Parlamento galego, onde garantiu o “apoio total” da Xunta a esta planta que, segundo concretou, “contará cun investimento de 146 millóns de euros e creará 600 postos de traballo, entre directos e indirectos”. Ademais, prevese que poderá xerar cada ano máis de 300 gigavatios hora de enerxía limpa e “axudar así a solucionar os problemas de residuos que teñen os nosos gandeiros”, puxo en valor o presidente.

 

Ante este novo proxecto, Rueda considerou imprescindible o apoio do Goberno central, a través dos fondos europeos, xa que amosou a súa preocupación polos 24.600 millóns de euros que aínda se teñen se executar dos PERTE e que supoñen o 80% do total. Por iso, pediu o respaldo dos grupos parlamentarios da oposición para que o Executivo de España “mire os ollos e lle dea apoio” a este proxecto con obxecto de que saia adiante e se poidan crear estes postos de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/09/2022