A Xunta pon en marcha a estratexia coa que busca eliminar a hepatite C como problema de saúde pública en Galicia antes de 2026

O obxectivo da folla de ruta galega adiántase en catro anos ao proposto pola Organización Mundial da Saúde

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que os tratamentos administrados polo Sergas curaron a preto de 8.500 pacientes desta enfermidade nos últimos sete anos
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe a Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia, que ten como obxectivo principal a redución tanto da morbilidade como da mortalidade asociada a esta enfermidade. No acto, no que tamén interviñeron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e o presidente da Alianza para a eliminación das hepatites víricas en España, Javier García Samaniego, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que “con esta estratexia queremos que Galicia se converta nun exemplo para outras rexións do mundo, adiantando ao ano 2026 a consecución dos obxectivos propostos pola Organización Mundial da Saúde para o 2030”.

 

Na súa intervención, Comesaña sinalou que entre 2015 e 2021 “a sanidade pública galega logrou a curación con antivirais de acción directa de preto de 8.500 pacientes”. Ademais, ao longo destes anos, implementáronse distintas accións co obxectivo de facer fronte a esta pandemia silenciosa”. Ao respecto, o conselleiro incidiu en que “Galicia foi pioneira en España á hora de implantar o Plan Estratéxico para a abordaxe da hepatite C do Sistema Nacional de Saúde no ano 2015”, establecendo a adecuada estratexia terapéutica no uso de antivirais de acción directa para o tratamento desta enfermidade.

 

Ademais, no ano 2018, a nosa comunidade puxo en marcha o diagnóstico nun só paso, que posibilitou a identificación e caracterización retrospectiva de pacientes con infección activa polo virus da hepatite C, identificándose algo máis de 250 pacientes con infección activa descoñecida.

 

O conselleiro dixo que o seu departamento é consciente de que aínda existen ámbitos de mellora tanto no diagnóstico dos pacientes como na identificación daqueles que, estando diagnosticados, non foron tratados, ou unha vez tratados, non están curados, puntos estes que se abordarán a través desta estratexia que hoxe se presenta.

 

Comesaña remarcou que a sanidade pública galega non só aplicou os tratamentos a todos os pacientes que os tiñan indicados clinicamente, senón que agora vai ir máis aló, buscando potenciais pacientes que aínda non teñen este tratamento solicitado para identificalos e administrarllo. “Sabemos onde buscar, porque temos identificados aos grupos de poboación de alto risco”. Tal e como dixo o conselleiro, “máis do 80% das persoas con infección refiren antecedentes de exposición de risco para a transmisión do virus, e o 75% dos casos concéntrase no intervalo de idade que vai dos 40 aos 69 anos”.

 

A Estratexia demostra, -proseguiu o responsable do Sergas-, o que os profesionais que traballan neste campo saben que nunca se puido poñer en dúbida, “o compromiso total da sanidade pública galega por poñer todos os medios ao noso alcance para lograr a curación de cantos máis pacientes mellor”.

 

Cinco eixos

A Estratexia hoxe presentada divídese, -dixo o conselleiro-, en cinco eixos que son: a vixilancia epidemiolóxica; a prevención primaria e promoción da saúde; a prevención secundaria; o diagnóstico e tratamento; e a formación e investigación. Comesaña fixo especial fincapé no terceiro eixo, relacionado coa prevención secundaria, remarcando a importancia de detectar, dun xeito máis precoz, as infeccións xa existentes, “a través da busca activa retrospectiva e mediante un cribado poboacional oportunista, dirixido a pacientes infectados que descoñecen a súa situación”.

 

Así mesmo, dentro da poboación de difícil captación, Sanidade traballará cos centros penitenciarios. Ao respecto, o titular da carteira sanitaria sinalou que Galicia asinou este ano un convenio para posibilitar o acceso á historia clínica electrónica ao persoal sanitario das institucións penitenciarias, “sendo das primeiras en dar este paso”, o que lle valeu ao Sergas recibir, este mesmo mes, a Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario.

 

Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou “a importancia da eficiencia no deseño das políticas sanitarias de protección e promoción da saúde, así como na prevención de enfermidades nas persoas especialmente vulnerables á infección polo virus da hepatite C”, e finalizou as súas verbas dando as grazas aos artífices desta Estratexia, que é a Dirección Xeral de Saúde Pública en colaboración cos distintos profesionais do Sergas. Tamén agradeceu a todo o persoal asistencial e directivo o seu traballo a prol da curación de todos os pacientes desta enfermidade e agora para atopar aos que quedan e tratar de eliminala.

 
Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/09/2022