O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitaron a zona na que se vai a levar a cabo esta actuación

A Xunta licita por máis de 857.000 € as obras da nova depuradora de Urdilde, que se iniciarán antes de que remate o ano

Trenor explicou que Augas de Galicia executará e financiará as obras nun 80% que resolverán as carencias de funcionamento da actual depuradora, os problemas de acceso para realizar as operacións de mantemento e acurtará a distancia ata o punto de vertido
As empresas interesas teñen de prazo ata o 28 de outubro para presentar as súas ofertas

A nova planta de Urdilde tratará as augas de 546 habitantes equivalentes e estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, proporcionando tratamento a todas as augas residuais xeradas na área

Rois  (A Coruña), 28 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitaron a zona na que se vai a construír a nova depuradora de Urdilde, coincidindo coa licitación, hoxe por parte da Xunta, destas obras, que suporán un investimento de 857.504 euros.

 

As empresas interesadas na execución destes traballos teñen ata o 28 de outubro para presentar as súas ofertas. A previsión é que as obras se inicien antes de que remate o ano cun prazo de execución de 8 meses.

 

Trenor lembrou que, segundo o convenio asinado con este Concello, a Xunta achegará o 80% do investimento, e a administración local o 20% restante.

 

A Xunta tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras. Pola súa banda, o Concello asume as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez realizada, durante un mínimo de 5 anos. 

 

O representante do Goberno galego enmarcou esta actuación no interese da Xunta para que os servizos municipais da auga funcionen e se presten axeitadamente aos veciños.

 

En concreto, esta intervención responde á solicitude trasladada polo Concello para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano de Urdilde, con carencias no deficiente funcionamento da depuradora, na accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e na distancia ata o punto de vertido, próximo ao rego dos Casteláns, a 350 metros.

 

En atención á demanda trasladada, realizouse un estudo de alternativas que, de acordo coa análise realizada por Augas de Galicia e de conformidade co propio Concello, determinou a construción dunha nova depuradora en Urdilde, localizada máis preto do punto de vertido.

 

Así, construirase unha nova estación de tratamento de augas residuais en Urdilde, no lugar da Calle, que dará servizo ao núcleo urbano da Calle e de Macedos. Unha vez en servizo, desmantelarase a depuradora actual.

 

A nova instalación disporá de sistema de depuración por biodiscos con arqueta de chegada; desbaste de dobre canle; pretratamento con tanque de dobre función -recepción e procesamento-, con zona de decantación e de dixestión; tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada.

 

Executaranse, ademais, 580 metros de colectores, desde a depuradora actual ata a arqueta de entrada á nova depuradora, e desde a arqueta de saída ata o punto de vertido. Tamén se acondicionará o acceso á nova infraestrutura, dispoñendo solo cemento.

 

Trenor lembrou que a nova depuradora de Urdilde non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, proporcionando tratamento a todas as augas residuais xeradas na área. Trátase dunha actuación financiada no marco do eixe REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

 

Apoio aos concellos

Trenor puxo en valor o importante esforzo da Xunta, tanto técnico como económico, para apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración, e garantir así a prestación de mellores servizos do ciclo da auga aos veciños.

 

Apuntou que este apoio baséase no coñecemento das dificultades de moitos concellos, que se ven sobrepasados e teñen dificultades para exercer de modo adecuado, de xeito profesional, estas responsabilidades municipais da auga. Tamén se referiu ás consecuencias negativas que un mal funcionamento destes servizos supoñen para a calidade das augas dos ríos e rías e os prexuízos que implican para o medio, para a saúde pública, a pesca, o marisqueo ou o turismo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/09/2022