Galicia apoia a convocatoria dunha convención para revisar os tratados da Unión Europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acudiu como representante de Galicia á reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais (CIVEX)

O Comité Europeo das Rexións avoga por que a revisión dos tratados da UE conduza a unha maior participación dos niveis rexional e local no proceso de toma de decisións da UE para lograr unha Unión Europea máis democrática e máis próxima aos seus cidadáns

Bruxelas, 28 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na xuntanza da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde apoiou a convocatoria dunha convención para revisar os tratados da Unión Europea. Esta convención habería de reunir as institucións comunitarias e os gobernos e parlamentos nacionais, co obxectivo de realizar unha reforma institucional que introduza procesos de toma de decisións rápidos e eficientes, capaces de involucrar a todos os actores.

 

A iniciativa enmárcase nas recomendacións derivadas da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE), o proceso de consulta cidadá desenvolvido entre maio de 2021 e o mesmo mes deste ano. Cómpre sinalar que a propia presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, apoiou a convocatoria desta Convención no discurso sobre o estado da Unión celebrado este mesmo mes. Nesta liña, o CdR avoga por que a futura Convención conte coa plena participación dos seus membros para representar as voces dos máis dun millón de políticos electos a nivel rexional e local en Europa, e para reforzar tamén as dimensións locais e rexionais das políticas da UE.

 

“As administracións rexionais temos un gran coñecemento sobre o terreo das oportunidades, e tamén das dificultades, que representan as políticas europeas”, destacou Jesús Gamallo. “É por iso que o noso órgano de representación na UE, o Comité Europeo das Rexións, reivindica unha participación máis directa nos traballos da Comisión Europea, do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea, e para iso, é necesaria unha reforma dos tratados que debe abordarse nunha convención similar á convocada hai 20 anos”, engadiu.

 

Entre o resto de resultados da COFE, os membros de CIVEX destacaron as 38 medidas que o CdR conseguiu que se recollesen nas conclusións deste proceso. Entre elas, o establecemento dun mecanismo permanente e local de diálogo coa cidadanía, apoiado polos entes locais e rexionais, que garanta unha comunicación bidireccional e unha interacción significativa entre a poboación e as institucións da UE, o que levaría a unha mellor comprensión do impacto local e rexional das políticas europeas .

 

Por outra banda, a Comisión CIVEX aprobou un borrador de ditame en favor de simplificar o acceso ao estatuto de residente de longa duración para as persoas nacionais de terceiros países que gozan dun permiso de estancia e traballo indefinido, de forma que gocen de dereitos similares á cidadanía europea. O ditame destaca a necesaria cooperación entre Estado e gobernos subestatais no ámbito migratorio.

 

A maiores, debateuse sobre un ditame referido ao papel das rexións e municipios europeos na reconstrución e desenvolvemento a longo prazo de Ucraína. O ditame destaca o irmandamento entre cidades e rexións ucraínas e europeas como un elemento clave dentro da recentemente constituída Plataforma Internacional de Reconstrución de Ucraína, na que a UE desempeña un papel determinante.

 

A comisión CIVEX do Comité das Rexións

 

O Comité Europeo das Rexións representa os entes locais e rexionais da Unión Europea,  e asesora sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dos obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/09/2022