A Xunta licita por máis de 115.000 € a mellora da contorna da capela de Santa Marta no concello de Crecente

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de licitar por máis de 115.000 euros o proxecto para mellorar a contorna da capela de Santa Marta, na parroquia de San Xoán de Albeos, no concello de Crecente.

 

O proxecto inclúe unha intervención de mellora na pavimentación e reforma dos servizos urbanísticos, como a eliminación dunha marquesiña e un novo emprazamento para os contedores de lixo.

 

A maiores, executarase un pequeno muro de contención de mampostería sobre zapatas de formigón; renovarase o pavimento dos accesos á ermida; reporase a rede de abastecemento e canalizacións das pluviais e a rede de enerxía eléctrica.

 

Tamén se eliminará o cableado da rede telefónica e eléctrica e renovaranse as luminarias. Ademais, instalarase un banco e plantaranse camelias e oliveiras.

 

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Crecente enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta, que desde 2010 comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Data de actualización: 29/09/2022