O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o centro

A Xunta abre unha nova aula na escola infantil pública de Chantada

Esta actuación incrementa en 15 o número de prazas no centro, que pasa de catro a cinco unidades
 

O curso vén de iniciarse con máis de 60 nenos matriculados, cuxas familias non teñen que pagar nada pola atención educativa
 

A Administración local asumiu o custe e execución das obras, mentres que o Consorcio encargouse do equipamento e do incremento do persoal necesario

Chantada (Lugo), 29 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia incrementou en 15 prazas a capacidade da escola infantil de Chantada, pertencente á rede pública autonómica, polo que o centro conta desde o inicio deste curso cunha aula máis para ter na actualidade cinco en funcionamento. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o centro, acompañados do alcalde deste municipio lucense, Manuel Lorenzo.

 

Perfecto Rodríguez salientou que con esta actuación “aténdese mellor á demanda das familias de Chantada que depositan a súa confianza no proxecto educativo e nos profesionais desta escola infantil”, que comezou o curso 2022-2023 con máis de 60 alumnos matriculados.

 

Ademais da ampliación do centro, recordou que nel as familias teñen a atención educativa de balde para os seus fillos, o que lles supón un aforro medio de ata 2000 euros ao ano por neno. Arredor de 31.000 pequenos de 0 a 3 anos benefícianse a partir deste curso desta medida, dirixida ao 100% do alumnado de todas as escolas infantís de Galicia.

 

Acordo co Concello

Así mesmo, o xerente do Consorcio agradeceu a implicación do Concello, que asumiu o custe e execución das obras de ampliación, as cales ascenderon a 54.000 euros. Estas consistiron, basicamente, na redistribución da zona de acceso ao inmoble e do espazo de administración para darlle cabida á nova aula. Pola súa parte, o Consorcio encargouse do equipamento, material didáctico e da instalación de estores e vinilos, cun investimento de 16.600 euros; así como do incremento do persoal necesario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/09/2022