A Xunta destaca que Termatalia demostra que Galicia é un referente pola súa experiencia no desenvolvemento e posta en valor do sector termal

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu na inauguración da 20ª Feira internacional de turismo termal, saúde e benestar, que se celebra hoxe e mañá en Expourense


Sinala que este encontro é unha oportunidade para reinvidicar que Galicia é un destino turístico sostible grazas ao seu sector termal

 

Galicia conta coa primeira lei en España que regula o aproveitamento lúdico das augas termais para promover o crecemento ordenado e seguro do sector
 

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 29 de setembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a inauguración da 20ª Feira internacional de turismo termal, saúde e benestar, Termatalia, que Galicia é un referente en España pola súa experiencia no desenvolvemento e posta en valor do sector termal.

 

Neste sentido, a Comunidade conta con 21 balnearios, seis deles co distintivo Q de Calidade Turística, 11 espazos termais e tres centros de talasoterapia, e hai 3000 prazas hoteleiras vinculadas ao termalismo. Galicia é a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa, sendo Ourense a segunda cidade europea con maiores reservas de augas mineromedicinais.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico apuntou que Termatalia, que se celebra hoxe e mañá en Expourense, é unha oportunidade para reivindicar que Galicia é un destino turístico sostible grazas ao seu sector termal, lembrando que o a maior concentración de augas termais da Comunidade se atopa nas comarcas de Ourense, O Carballiño e
O Ribeiro.

 

Francisco Conde subliñou que o termalismo é un sector que se debe seguir impulsando tendo en conta todas as súas facetas (sanitaria, turística, empresarial, e ambiental), e traballando conxuntamente entre as diferentes administracións.

 

Neste ámbito, Galicia conta coa primeira lei en España que regula o aproveitamento lúdico das augas termais para promover o crecemento ordenado e seguro do sector. A isto súmanse outras medidas como a liña de axudas posta en marcha este ano para o acondicionamento e mellora dos espazos termais de uso recreativo que hai na Comunidade, e o protagonismo que terán as vilas termais e cascos históricos dentro do III Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino para o período 2023-2026.

 

Nun contexto no que se aposta pola sostibilidade e as enerxías limpas que proveñen dos recursos naturais, o responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que é moi importante ter presente que o termalismo é unha oportunidade para avanzar cara a unha industria máis sostible, paradigma do novo modelo de crecemento.

Gran oferta turística de calidade

Pola súa banda, a directora de Turismo, Nava Castro, destacou esta mañá durante a celebración do Congreso Internacional de Turismo Termal que se celebra tamén en Ourense a forte aposta de Galicia como potencia termal cunha gran oferta turística de calidade, no marco da mesa redonda Cruzando os Itinerarios Culturais Europeos.

 

Nava Castro indicou que Galicia parte da base dun turismo termal xa consolidado, con ofertas de calidade. Ademais, destacou que o turismo termal é unha potencialidade no momento de recuperación económica e turística actual, xa que segundo destacou  a nosa comunidade está a ofertar un turismo sen aglomeracións e permitindo o desfrute da natureza.

 

“A nosa terra está considerada como un dos principais destinos termais de España e tamén no eido internacional, xa que é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, con máis de 300” indicou a directora de Turismo de Galicia.

 

Nava Castro explicou que “desde a Xunta puxemos como unha das nosas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, sobre todo en contornas rurais, mediante estratexias de creación de produto e utilizando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para unha xestión turística máis sustentable e intelixente”.

 

Data de actualización: 29/09/2022