A Xunta comeza os trámites para a elaboración dunha lei pioneira en Europa que promoverá a inclusión e accesibilidade da cultura

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao inicio das actuacións administrativas da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
 

O Goberno autonómico considera oportuno e necesario elevar a rango de lei as pautas para impulsar o acceso e a participación activa na cultura sen barreiras
 

Buscará facilitar a creación e xeración de produtos e o acceso e consumo cultural
 

Tamén conciliará a cultura coa realidade de colectivos en risco de exclusión social, afondará na redución da fenda dixital e no impulso da cultura nos eidos rurales
 

O primeiro paso autorizado hoxe é a consulta pública previa para recoller a opinión de calquera persoa, logo de terse celebrado sete reunións con medio cento de colectivos
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou que Consello da Xunta dese hoxe luz verde ao inicio dos trámites para a elaboración da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. “A nosa comunidade será pioneira no impulso dunha cultura sen barreira”, enfatizou.

 

Rueda precisou que o primeiro paso, autorizado hoxe, foi a apertura de consulta pública previa, que ten por obxecto recoller a opinión da cidadanía, organizacións e asociacións antes da elaboración dun proxecto normativo.

 

Esta normativa é unha lei pioneira en España e no resto de Europa, xa que a maioría das normas aprobadas en materia de accesibilidade e inclusión non teñen rango de lei e están orientadas desde unha perspectiva eminentemente social. Así, no ámbito específico da cultura, a Xunta de Galicia considerou oportuno e necesario deseñar unha norma e elevala a rango de lei que se centre en impulsar a participación activa de todo tipo de persoas e colectivos nas manifestacións culturais, ao tempo que se favorece o seu acceso sen ningún tipo de barreira.

Participar e crear

O presidente da Xunta salientou que un dos aspectos máis destacados desta nova lei é que abarcará as dúas direccións de relación das persoas coa cultura, tanto na vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais, como a vertente de acceso e consumo destes produtos e servizos.

 

Rueda apuntou que esta normativa nace para conciliar a cultura coa realidade de diferentes colectivos e en risco de exclusión social, achegando a cultura a todas as persoas. Tamén fixo fincapé en que “rachará a fenda dixital, especialmente nos eidos rurais”. Deste xeito, segundo explicou, buscarase que as administracións públicas teñan en conta a estrutura territorial de Galicia á hora de planificar as programacións culturais, “para que cheguen a todo o territorio, especialmente ás zonas rurais”, en colaboración e diálogo coas entidades privadas e asociativas.

 

Ao mesmo tempo, estenderá a súa aplicación a calquera tipo de formato ou manifestación cultural tendo en conta a diversidade social e o territorio de Galicia ao tempo que permitan acadar unha maior participación de colectivos que, polas súas características, teñan máis dificultades para participar activamente nas actividades de creación cultural. Preténdese, ademais, reforzar ferramentas no ámbito da colaboración ou da cooperación e da difusión e tamén levar a cabo actividades de sensibilización e de formación, polo que tamén se fará fincapé na investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica e dixital para acadar solucións que propicien unha mellora da accesibilidade universal.

 
Teatro inclusivo no Centro Dramático Galego

O impulso dado hoxe no Consello da Xunta dá continuidade aos traballos levados a cabo polo Goberno autonómico, que no último ano estivo avanzando no deseño desta normativa. De feito, nos últimos meses celebráronse contactos con distintos colectivos, nun total de sete reunións con medio cento de entidades como primeiras tomas de contacto.

 

De feito, o presidente do Executivo galego apuntou que a Xunta xa está avanzando na accesibilidade da cultura a través de varias iniciativas. A máis recente, segundo concretou, é o sistema pioneiro de teatro inclusivo posto en marcha polo Centro Dramático Galego que permite dispoñer en todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición, que se suma ás sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, aos ruídos ou á escuridade.

 
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/09/2022