O Sergas publica as puntuacións definitivas da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario

Superaron a fase de oposición do proceso 4.804 persoas aspirantes, o que supón unha porcentaxe de case un 55 por cen sobre os presentados

Ofértanse un total de 680 prazas das cales 239 corresponden á categoría de pinche
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, aproba e dá publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes nos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en 24 categorías de persoal estatutario: calefactor, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, mecánico, lavandeiro, logopeda, pasador de ferro, persoal informático, pinche (inclúe quenda discapacidade intelectual), técnico de farmacia (quenda de discapacidade intelectual), telefonista, terapeuta ocupacional, traballador social e facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

 

Ofértanse un total de 680 prazas na totalidade destes procesos selectivos, das cales 239 corresponden á categoría de pinche (quendas libre, promoción interna e discapacidade xeral)

 

A porcentaxe global de aprobados é dun 54,20 por cento, acadando case un 100 por cen de aprobados nas categorías de licenciados sanitarios. A categoría con menos aprobados é a de logopeda cun 17,50 por cento sobre os presentados.

 

As puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

 

Con esta publicación declárase finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Esta resolución pode ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na resolución da convocatoria do proceso.

Próximas actuacións

Prevese que, en breve prazo, se publiquen os listados coa baremación provisional da fase de concurso dos aspirantes que resultaron aptos nesta fase de oposición.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 29/09/2022