A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta tarde en Taboada unha nova mesa de coordinación destes grupos

A Xunta preselecciona os 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia que actualmente xestionan o Leader para continuar a súa andaina no próximo programa 2023-2027

Para o desenvolvemento das estratexias de desenvolvemento local, cada grupo contará con 35.000 euros dun orzamento total que, para esta convocatoria, ascende aos 840.000 euros

As universidades de Santiago de Compostela e de Vigo colaborarán cos 24 grupos de desenvolvemento rural na elaboración das súas estratexias

Taboada (Lugo), 29 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta tarde no concello lugués de Taboada unha nova mesa de coordinación dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia, onde salientou que estes 24 grupos foron preseleccionados para seguir á fronte da xestión do programa Leader no vindeiro período 2023-2027, tras cumprir todos eles coas condicións de admisibilidade esixidas.   

 

Así, a directora xeral trasladoulles que, a partir de agora, cada grupo contará con 35.000 euros para os custos da axuda preparatoria, referidos á creación de capacidades, á formación e ao establecemento de redes con miras á preparación e posta en práctica dunha estratexia de desenvolvemento local participativo. Os devanditos custos poderán incluír, entre outros, os estudos relativos á zona en cuestión, as accións de fomento da participación dos distintos axentes do territorio, as accións de formación para as partes interesadas locais e, en xeral, todos aqueles custos de funcionamento e de persoal necesarios para elaborar unha proposta de estratexia de desenvolvemento local participativo.

 

Ante a entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 correspondente ao Estado Español, no ano 2023, cómpre levar a cabo as actuacións necesarias para que o programa Leader poida desenvolverse ao abeiro do dito Plan Estratéxico a partir do ano 2023. Para iso, salientou Santé, foi preciso seleccionar os grupos de desenvolvemento rural que colaborarán coa Administración Autonómica na medida Leader e aprobar as novas estratexias de desenvolvemento local de cada un destes grupos.

 

Para o desenvolvemento destas estratexias, os grupos dispoñen dun orzamento total de 840.000 euros, que triplica ao da convocatoria anterior de 2016 (320.000 €). A contía total repartirase entre as anualidades 2022 e 2023, de acordo coas dúas fases da xustificación da subvención, correspondendo o 75% da axuda á anualidade 2022 (630.000€) e o 25% restante á anualidade 2023 (210.000€).

 

Colaboración coas universidades galegas

A Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, como entidade sen ánimo de lucro que agrupa e representa aos GDRs de Galicia, está traballando coa Universidade de Santiago de Compostela e coa Universidade de Vigo para a formalización dunha colaboración con tres grupos de investigación destas universidades. O obxectivo é realizar tarefas de coordinación, asesoramento e apoio aos 24 Grupos de Desenvolvemento rural de Galicia para a elaboración das súas estratexias de desenvolvemento local para o próximo período 2023-27.

 

Así, a Universidade de Santiago de Compostela -a través do Laboratorio do Territorio (GI-1934 TB) e do Grupo Ecoagrasoc- conta con experiencia en estudos relacionados coa ordenación e planificación sostible de terras e do territorio e coas políticas de desenvolvemento rural. Pola súa parte, a Universidade de Vigo -a través do Grupo GEN (Governance and Economic Research Network)- conta con expertos en materias relacionadas coa economía e gobernanza pública, economía sectorial e rexional, economía circular e negocios familiares.

 

Axudas de cooperación

Durante a mesa de coordinación, a directora xeral puxo en valor a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación, no marco da medida Leader, e que conta cun orzamento de case un millón de euros. Nese senso, Inés Santé destacou que a cooperación constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento das zonas rurais, xa que propicia a mellora das relacións entre territorios e facilita a transferencia de experiencias e coñecementos. 

 

A directora xeral sinalou que na nova convocatoria incorporouse a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación vinculados aos instrumentos da Lei de recuperación da terra, tanto aos orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo- como aos destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como é o caso dos plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

 

Cabe engadir que na nova convocatoria incrementouse o importe máximo de axudas aos proxectos, que pasou dos 100.000 euros ata os 150.000 euros por proxecto. Así mesmo, incluíuse a posibilidade de conceder aos grupos de desenvolvemento rural anticipos de ata o 50% da subvención concedida e regulouse a exención da obriga dos beneficiarios de achegar garantías polos pagamentos a conta que perciban.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/09/2022