A Xunta apoia ata o 50% de case medio cento de proxectos para a mellora das instalacións das pemes de transformación dos produtos do mar

O Executivo galego subvenciona con máis de 19,5 millóns de euros actuacións para mellorar a eficiencia enerxética deste sector, reducir o impacto no medio ambiente, promover a innovación e mellorar as condicións de traballo e seguridade

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria de 2022 destas achegas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Entre as axudas aprobadas polo Goberno autonómico destaca unha para a empresa Conservas Cerqueira SA por importe de 11,6 millóns de euros para a posta en marcha dunha planta de fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco

Compartir
  • whatsapp

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a resolución da convocatoria deste ano de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura no que se inclúe a aprobación de 47 proxectos impulsados polo sector por un importe de máis de 19,5 millóns de euros a distribuír entre as anualidades 2022 e 2023. Con estas achegas a Xunta aporta o 50% do importe subvencionable de cada un deles, polo que o investimento total para acometer melloras nas instalacións destas empresas é de arredor de 40 millóns de euros.

Entre as accións que son obxecto de apoio con estas achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas deste sector e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.

 

O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.

 
 

Proxecto destacado

Entre os 47 proxectos aprobados na convocatoria deste ano destaca un promovido pola empresa Conservas Cerqueira SA que conta cunha axuda por importe de 11,6 millóns de euros para un investimento total de máis de 23 millóns de euros. A achega, que foi aprobada hoxe no Consello da Xunta, é para a construción dunha nova planta dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco en Rianxo.

O proxecto suporá o traslado da actividade da empresa a estas novas instalacións e a instalación de novo equipamento de alta tecnoloxía, o que permitirá que se poidan facer con medios técnicos procesos que na actualidade se realizan de xeito manual. Tamén suporá unha mellora nos procesos pois poderase realizar en paralelo a produción de conserva de mexillón e berberecho (actualmente comparten a mesma liña) e favorecerá a posibilidade de introducir novas liñas de produtos no futuro. Ademais estas innovacións contribuirán a mellorar a seguridade alimentaria e as condicións hixiénico-sanitarias das instalacións, que permitirán obter un produto de maior valor engadido que o actual.

De feito, as novas instalacións contarán con sistemas de climatización e ventilación de última xeración, de reutilización e tratamento de augas, de preparación e empaque, con caldeiras, cámaras de conxelado e refrixerado e instalarase enerxía fotovoltaica, entre outros aspectos.

Incluíndo os proxectos aprobados nesta convocatoria, desde 2016 beneficiáronse destas axudas 330 iniciativas de empresas de transformación de produtos do mar por valor de máis de 95 millóns de euros.

Data de actualización: 29/09/2022